A Deputación da Coruña recibe o premio Menina polo seu labor continuado contra a violencia machista
Sol Agra destacou na entrega en Santiago que "este premio é un recoñecemento a unha traxectoria de traballo sostido na erradicación da violencia machista"
A deputada de Igualdade defendeu que "o traballo de proximidade é esencial" e que a dispersión xeográfica fai imprescindible "o achegamento dos servizos á poboación"
A Deputación da Coruña recibiu esta tarde no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o Premio Meninas que outorga a Delegación do Goberno en Galicia polo seu traballo continuado na loita contra a violencia de xénero. A deputada de Igualdade, Sol Agra, foi a encargada de recoller o galardón de mans do delegado do Goberno, Pedro Blanco. Na súa intervención, Agra subliñou que "este premio é un recoñecemento a unha traxectoria de traballo sostido na erradicación da violencia machista e na atención ás vítimas".
A representante provincial salientou que este galardón se suma aos recoñecementos que en 2018 tanto a Federación Española de Municipios e Provincias como o Goberno do Estado outorgaron á rede de acollida da Deputación, consolidando unha traxectoria que sitúa a institución como referente en políticas de igualdade. Tamén lembrou que a Deputación destina cada ano 450.000 euros ao financiamento de axentes de igualdade nos concellos de menos de 20.000 habitantes, unha aposta que permitiu contar actualmente con 19 profesionais traballando no territorio. Defendeu que "o traballo de proximidade é esencial" e que a dispersión xeográfica fai imprescindible "o achegamento dos servizos á poboación".
Agra destacou que a base do labor recoñecido é o Plan Provincial de Igualdade 'Compartimos Plan 2019-2026', que incluíu un diagnóstico rigoroso das violencias de xénero na provincia e desenvolveu unha área estratéxica específica con 20 accións, das cales xa están executadas máis do 87%. Entre as iniciativas destacadas polo xurado está a campaña De Fronte á Violencia de Xénero, posta en marcha en 2020, que conta coa adhesión dos 93 concellos e máis de 120 entidades. A deputada subliñou que "conseguimos crear unha verdadeira rede provincial comprometida coa igualdade á que fornecemos de recursos e material divulgativo"; por iso, "este recoñecemento é tamén para todos os concellos e entidades que se sumaron a esta loita común".
A deputada puxo tamén o foco na prevención educativa, lembrando o programa Suprime o Control, desenvolvido entre 2016 e 2019 para alumnado de 3.º e 4.º da ESO en todas as comarcas, e tamén para entidades que traballan con persoas con diversidade funcional. "A educación en igualdade desde idades temperás é fundamental. Temos que traballar coas novas xeracións para que crezan en valores de respecto e igualdade". Agra fixo referencia á iniciativa 'STOP Acoso', que nos últimos anos implicou 47 centros educativos e 9.000 escolares en accións de sensibilización contra o acoso na rúa.
Para Agra, o premio Menina chega como "un incentivo para continuar traballando con máis forza", aínda que lembrou que "o noso compromiso é independente de calquera galardón. Seguiremos apostando por políticas integrais, innovadoras e sostibles no tempo, porque a loita contra a violencia machista require constancia, recursos e implicación política. Este premio non é un punto de chegada, senón un impulso para seguir avanzando".
