Estás en:Novas

A Deputación pon en valor a importancia do sector lácteo galego na entrega dos Premios COFER

COFER recoñece a Leche Celta co seu galardón empresarial polo seu compromiso co rural e a súa aposta pola innovación, a sustentabilidade e a calidade

A Deputación pon en valor a importancia do sector lácteo galego na entrega dos Premios COFER

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou hoxe no Casino Ferrolano no acto de entrega dos Premios COFER, no que Leche Celta foi recoñecida co Galardón Empresarial COFER 2025 pola súa traxectoria, compromiso co rural galego e aposta decidida pola innovación, a sustentabilidade e a calidade.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor os máis de trinta anos de historia de Leche Celta, "un exemplo de empresa que soubo medrar sen perder a proximidade co territorio nin o vínculo coas familias gandeiras", destacando o seu modelo baseado no respecto ao medio ambiente, no benestar animal e na calidade do produto.

A deputada provincial salientou algúns dos principais datos da compañía, como a recollida de máis de 276 millóns de litros de leite en 2024 procedentes de 552 granxas, das cales o 96 % contan coa certificación de Benestar Animal Welfair de AENOR. Tamén lembrou o carácter pioneiro de Leche Celta ao converterse na primeira empresa láctea en obter o dobre selo de Benestar Animal e Leite de Pastoreo.

Rosa Ana García referiuse tamén á recente unión entre Leche Celta e CLUN para a creación de CoRural, cualificándoa como "un fito histórico para o sector lácteo galego". Un proxecto estratéxico que integra a 1.400 produtores e 800 empregados, cunha facturación conxunta de arredor de 600 millóns de euros, e que nace co obxectivo de reforzar a estrutura produtiva e achegar estabilidade ao sector, mantendo ao gandeiro no centro do modelo.

Finalmente, subliñou a importancia do sector lácteo como piar económico, social e ambiental de Galicia, lembrando que representa o 1,6 % do PIB galego e que é clave para manter vivo o rural, xerar emprego e contribuír á prevención dos incendios forestais. "Recoñecer hoxe a Leche Celta é tamén recoñecer o valor do sector primario e das persoas que traballan cada día no noso campo", concluíu.