Estás en:Novas

A Deputación lembra que o prazo para solicitar as subvencións de patrimonio cultural remata o 21 de xaneiro

A convocatoria para recuperar elementos patrimoniais en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotada cun millón de euros, recibiu até o momento case medio cento de peticións

Esta liña de axudas contribuirá á protección do "extraordinario patrimonio da provincia" como "legado para as futuras xeracións", destaca o deputado de Patrimonio, Xosé Penas

A Deputación lembra que o prazo para solicitar as subvencións de patrimonio cultural remata o 21 de xaneiro

A Área de Patrimonio da Deputación da Coruña lembra aos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes que o prazo de presentación de solicitudes para o programa de subvencións destinado a actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural —público ou de xestión municipal— remata o vindeiro 21 de xaneiro ás 14:00 horas. Todas as solicitudes han presentarse telematicamente a través da plataforma SUBTEL.
A convocatoria, dotada cun orzamento total dun millón de euros, "ten como finalidade contribuír á protección, recuperación e conservación de distintos elementos patrimoniais da provincia como legado para as futuras xeracións", destaca o deputado de Patrimonio, Xosé Penas. A través deste programa, poderanse conceder axudas de até 150.000 euros por actuación, cunha intensidade máxima do 80 % sobre o orzamento dos gastos subvencionábeis.

Medio cento de solicitudes

Até o momento xa se presentaron 45 solicitudes para unha tipoloxía de axudas que Xosé Penas coida "moi necesarias" para facilitar aos concellos recursos cos que contribuír á "axeitada preservación do extraordinario patrimonio cultural da provincia".

As subvencións están dirixidas a actuacións sobre espazos públicos e inmóbeis con valor histórico, artístico ou cultural; bens con valor tipolóxico ou etnográfico que conten coa declaración de ben de interese cultural ou que estean catalogados; elementos do patrimonio de enxeñaría, como pontes ou camiños; patrimonio marítimo, incluíndo peiraos, carpinterías de ribeira, salgadurías ou secadoiros; e xacementos arqueolóxicos que incorporen sinalización e ou procesos de musealización.

Os criterios de puntuación desta liña de axudas priman tanto o grao de relevancia de cada actuación patrimonial como, sobre todo, "a urxencia da actuación, outorgando maior puntuación a aquelas propostas cuxo estado de conservación sexa moi deficitario, con severo risco de perda irreversíbel do ben obxecto de protección", subliña Penas.

Para poder acceder ás axudas, os concellos solicitantes deben ter unha poboación inferior aos 50.000 habitantes e presentar actuacións cun orzamento mínimo de 30.000 euros. Ademais, os bens obxecto da intervención deben ser de titularidade municipal ou, no caso de propiedade privada, compromiso de cesión pública por un período mínimo de dez anos.

O período subvencionábel abrangue do 1 de xaneiro de 2026 ao 30 de xuño de 2027, coa posibilidade de solicitar unha prórroga debidamente xustificada. En atención ás características dos destinatarios, a Deputación poderá acordar o pagamento anticipado de até o 50 % do importe da subvención concedida, como financiamento necesario para o desenvolvemento das actuacións.