Estás en:Novas

A Deputación da Coruña investiu máis de 3,97 millóns en Coirós grazas ao Plan Único

A deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitou hoxe varias obras do POS en Coirós, concello onde se investiron máis de 3,97 millóns desde o nacemento do programa

A Deputación da Coruña investirá case sete millóns na comarca de Betanzos a través da primeira fase do Plan Único

A Deputación da Coruña investiu máis de 3,97 millóns en Coirós grazas ao Plan Único

Recepción no Concello de Coirós

A Deputación da Coruña investirá algo máis de 6,98 millóns de euros na comarca de Betanzos grazas á primeira fase do Plan Único 2026 (POS). Anunciouno este luns a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, durante unha visita ao Concello de Coirós para supervisar distintas actuacións financiadas a cargo do POS.

A xornada comezou na casa consistorial, onde a deputada foi recibida polo alcalde, Francisco Quintela Requeijo, e por membros da corporación local, antes de desprazarse a varios puntos do municipio para coñecer de primeira man o estado das obras en execución.

Entre as actuacións visitadas atópase a mellora da rede viaria en Merille, unha obra do Plan Único 2024 adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Melchor por máis de 100.000 euros. A deputada tamén coñeceu os traballos de saneamento no núcleo de Caresma, unha actuación do Plan Único 2023 adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones por case 183.000 euros.

Durante a visita, Cristina García puxo en valor o papel do POS como ferramenta fundamental de apoio aos concellos, destacando que este programa «permite garantir financiamento estábel para que os gobernos locais poidan planificar e executar actuacións necesarias para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza».

A deputada tamén salientou que o Plan Único reforza o municipalismo e a autonomía local «porque cada Concello decide, segundo os seus propios criterios, a que destina estes fondos, ben sexa a obras ou ao gasto corrente».

Máis de 3,97 millóns desde o 2017

Desde o ano 2017, cando se puxo en marcha o Plan Único, o Concello de Coirós recibiu algo máis de 3,97 millóns de euros a través deste programa provincial, destinados a actuacións de mellora da rede viaria rural, ampliación e renovación de servizos de saneamento e abastecemento, modernización da iluminación pública, acondicionamento de espazos públicos e mellora de dotacións e equipamentos municipais en distintos núcleos do concello.

No exercicio 2025, a maior parte dos fondos do Plan Único asignados a Coirós destináronse a gasto corrente, mentres que o investimento restante permitiu impulsar actuacións de mellora do alumeado público en Espenuca Alta e outros lugares, obras de saneamento en Coirós de Arriba e Recebés e a mellora de viais rurais en Colantres e outros puntos do municipio.

De cara a 2026, a achega inicial do Plan Único para Coirós ascende a 438.512,99 euros. Unha vez se aprobe o POS adicional, a contía total situarase en niveis similares aos dos últimos exercicios —655.197,32 euros en 2025 e 601.140,12 euros en 2024.

Coirós forma parte da comarca de Betanzos, integrada polos concellos de Aranga, Betanzos, Curtis, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar. Ao abeiro do Plan Único de 2026, o investimento inicial para a comarca é, como xa se indicou, de algo máis de 6,98 millóns de euros.