A Deputación da Coruña participou en Betanzos na presentación do proxecto Tecelás da Terra, galardoado no VII Premio Luísa Villalta pola igualdade
«Tecelás da Terra non só conserva e intercambia sementes, senón que tamén sementa valores, vínculos e confianza», destaca a deputada de Igualdade, Sol Agra
A Deputación da Coruña participou hoxe en Betanzos nun dos actos de presentación da iniciativa Tecelás da Terra. Sementes con memoria e futuro, unha das iniciativas galardoadas na sétima edición do Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. No acto interviron a deputada de Igualdade, Sol Agra, o tenente de alcalde de Betanzos, Diego Fernández, e Tania Merelas, unha das impulsoras.
Tecelás da Terra é unha das oito propostas premiadas neste certame convocado pola Deputación da Coruña, ao que se presentaron 22 solicitudes. A iniciativa recibiu unha achega de 12.281,50 euros e foi valorada polo xurado como un proxecto altamente coherente e innovador, cun enfoque ecofeminista claro e fundamentado.
O programa artéllase arredor dun proceso comunitario no que as participantes comparten sementes, saberes e experiencias, promovendo a recuperación e a transmisión de coñecementos tradicionais ligados á terra. As sementes funcionan así como punto de partida para o intercambio interxeracional, a aprendizaxe colectiva e a construción de redes de apoio mutuo, ao tempo que se integran nunha Biblioteca de Sementes Ecofeminista vinculada á rede de bibliotecas públicas da provincia da Coruña.
Durante a presentación, Sol Agra destacou que o proxecto «sitúa no centro a sabedoría das mulleres como gardadoras de coñecementos, cultura e afectos, recoñecendo o seu papel histórico e contemporáneo na preservación da biodiversidade e na transmisión de saberes comunitarios».
Subliñou tamén que Tecelás da Terra vincula estas prácticas coa rede de bibliotecas e centros culturais, facendo que «as sementes adquiran unha dimensión educativa e cultural que transcende o ámbito físico e funciona como soporte para a aprendizaxe cidadá, a memoria colectiva e a difusión de coñecementos feministas e agroecolóxicos».
Agra incidiu en que a iniciativa «non só conserva e intercambia sementes, senón que tamén sementa valores, vínculos e confianza, contribuíndo á promoción da igualdade de xénero e ao desenvolvemento do empoderamento feminino».
Tecelás da Terra desenvolverase en distintos puntos do territorio provincial, con presenza nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, así como en Betanzos, achegando o programa a mulleres de concellos como Cedeira, Mañón e Betanzos. A través de encontros e obradoiros, o proxecto facilitará o intercambio de sementes, saberes e experiencias, ao tempo que impulsa a creación e consolidación da biblioteca como espazo vivo de reflexión e acción colectiva arredor dun modelo alimentario máis xusto e sustentábel.
