Cristina García visita en Coristanco a humanización da avenida de Erbecedo, financiada con case 400 000 euros do Plan Único
A deputada de Plans Provinciais destacou «o impacto social» do POS, que desde o ano 2017 destinou ao municipio bergantiñán 11,5 millóns de euros para a mellora de infraestruturas e servizos básicos
García Rey coñeceu tamén o novo estado da senda peonil da Cuca, outra das actuacións, xa rematadas, que o Plan Único sufragou na localidade
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, reuniuse este luns co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, e visitou dúas das actuacións acometidas nese municipio con financiamento do Plan Único (POS). A primeira delas, aínda en execución, foi a humanización da avenida de Erbecedo (DP-1912) e mellora de varias beirarrúas no núcleo de San Roque, obra incluída no Plan Único de 2024 e adxudicada por case 400 000 euros.
Os traballos están practicamente certificados na súa totalidade e céntranse nun tramo da vía DP-1912, onde se está a ampliar o ancho das beirarrúas para a súa adaptación á normativa de accesibilidade, así como na incorporación de arborado. A intervención inclúe tamén a separación das redes de pluviais e fecais, a renovación da rede de abastecemento e a mellora da iluminación pública.
Na súa visita, a deputada destacou que, desde o ano 2017, o Concello de Coristanco recibiu do Plan Único da Deputación da Coruña case 11,5 millóns de euros, dos cales algo máis de 2,25 foron no exercicio 2025. Neste total inclúese a primeira entrega do POS do 2026, de case 1,14 millóns, cifra que se incrementará co POS adicional.
Outras actuacións visitadas en Coristanco
García Rey coñeceu tamén o estado final doutra das actuacións xa rematadas con cargo ao POS 2024, a da senda peonil no lugar da Cuca (Rececinde), adxudicada por 175 000 euros e executada ao longo da estrada DP-2901, que conecta a parroquia de Cereo co núcleo de Coristanco e que permitiu completar o itinerario dos viandantes.
O mal tempo obrigou a a aprazar a visita a unha terceira obra custeada polo POS de 2024, a de adecuación e mellora da estación depuradora de augas residuais de Conles, rematada en outubro de 2024 cun investimento de algo máis de 141 000 euros. A actuación permitiu modernizar unha infraestrutura construída en 2005, situada na parroquia de Traba, con capacidade para tratar uns 30 metros cúbicos de augas residuais correspondentes a preto de 600 veciños e veciñas, e supuxo a eliminación dun punto de vertido no rego da Balsa.
As obras visitadas forman parte do conxunto de investimentos que a Deputación da Coruña vén executando en Coristanco a través do Plan Único, orientados á mellora da accesibilidade, das infraestruturas básicas e da calidade de vida das veciñas e veciños. «Estamos a falar», explicou a titular de Plans Provinciais, «dun instrumento que non só financia obras, senón que impulsa servizos básicos, moderniza infraestruturas e reforza a cohesión territorial da provincia. Sen el, moitas actuacións simplemente non serían posíbeis».
Para García Rey, «o Plan Único demostrou que cando a administración provincial colabora cos concellos desde a escoita e o respecto ás súas necesidades reais, os resultados chegan máis rápido e con maior impacto social». «Pero sempre», rematou, «preservando a autonomía local, pois son os concellos os os que deciden o destino dos fondos do POS».
