Xosé Penas analizou en Mondariz-Balneario o impacto das modificacións da Lei de patrimonio cultural
O deputado de Patrimonio advirte dos riscos da transferencia de competencias aos concellos sen medios suficientes
Penas defende a colaboración institucional para garantir a protección efectiva do patrimonio cultural
A Deputación da Coruña participou o xoves, 5 de febreiro, nunha xornada sobre as modificacións da Lei de patrimonio cultural de Galiza celebrada na Casa do Concello de Mondariz-Balneario. O deputado de Patrimonio, Contratación e Equipamentos, Xosé Luís Penas Corral, interveu no encontro para expor a posición da institución provincial sobre os cambios introducidos na normativa e as súas consecuencias.
Durante a súa intervención, Penas lembrou que a competencia en materia de patrimonio cultural corresponde á Xunta de Galiza, de acordo co Estatuto de Autonomía e coa lexislación vixente, incluíndo ámbitos como arquivos, bibliotecas e museos de interese autonómico. Neste sentido, sinalou que é esta Administración a que debe adoptar medidas urxentes de protección cando os bens patrimoniais se atopan ameazados.
O deputado advertiu de que a modificación da Lei de patrimonio cultural —a través da lei de acompañamento dos orzamentos— supón, ao seu xuízo, unha dilución das responsabilidades da Administración autonómica e unha transferencia de funcións cara aos concellos sen garantir previamente os medios técnicos, humanos e económicos necesarios para asumilas. Penas incidiu na falta de criterios uniformes, na inexistencia dun catálogo patrimonial actualizado e nas limitacións estruturais da maior parte dos concellos galegos para exercer funcións complexas en materia de protección patrimonial.
Na súa intervención, tamén puxo o foco na desigualdade territorial que pode derivarse da aplicación da normativa e na ausencia de mecanismos de control e supervisión a posteriori. O deputado alertou de que estas modificacións poden supoñer un retroceso na protección do patrimonio cultural galego e un debilitamento dos instrumentos públicos de salvagarda.
Asemade, o deputado explicou o papel que desenvolven as deputacións provinciais, en especial cos concellos de menor tamaño, a través de liñas específicas de subvencións, convenios de colaboración e apoio técnico, asumindo actuacións que non son competencia propia para garantir a conservación destes bens. Neste contexto, destacou o esforzo da Deputación da Coruña en materia orzamentaria, de xestión patrimonial directa e de apoio aos concellos mediante a contratación de persoal técnico especializado.
O deputado concluíu subliñando que a protección do patrimonio debe entenderse como unha obriga compartida entre todas as Administracións e defendeu un modelo baseado na colaboración institucional, no reforzamento das estruturas técnicas, na dotación orzamentaria suficiente e no exercicio efectivo das competencias públicas, coa finalidade de garantir a conservación do patrimonio cultural como ben histórico, social e identitario do país.
