Estás en:Novas

A Área de Igualdade presenta en Santiago o proxecto ‘Virando o Rosa’, un dos gañadores do Premio Luísa Villalta 2025

Sol Agra destaca que a iniciativa dá voz ás mulleres con cancro de mama e cuestiona os estereotipos arredor da enfermidade

O traballo de Diana Fajardo parte da observación da «indefensión estrutural das mulleres no sistema sanitario polo feito de seren mulleres»

A Área de Igualdade presenta en Santiago o proxecto ‘Virando o Rosa’, un dos gañadores do Premio Luísa Villalta 2025

A Deputación da Coruña presentou este luns no Colexio Fonseca, en Compostela, o proxecto Virando o Rosa, de Diana Fajardo, unha das propostas gañadoras do VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade. Durante o acto, a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, sinalou que se trada un «proxecto necesario para a expresión de voces en primeira persoa de mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama». Destacou que a iniciativa «combina rigor, creatividade e unha perspectiva feminista clara, con capacidade para xerar debate público e influír positivamente na percepción social da enfermidade e na atención ás pacientes».

Ademais da deputada de Igualdade tamén participaron no acto a propia autora, Diana Fajardo; a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias; así como unha representación das mulleres que protagonizan Virando o Rosa.

Denuncia da indefensión estrutural das mulleres

O traballo de Diana Fajardo parte da observación da «indefensión estrutural das mulleres no sistema sanitario polo feito de seren mulleres». A proposta recolle trece historias que evidencian diagnoses tardías, malinterpretación de síntomas, presión estética ou experiencias de paternalismo médico, situando o cancro de mama como punto de partida para analizar «un problema estrutural máis amplo», segundo a autora.

Virando o Rosa cuestiona tamén o relato público ao redor desta enfermidade, asociado con frecuencia a unha estética e simboloxía que non sempre reflicten a complexidade das vivencias das pacientes. A iniciativa propón tratar o cancro como unha doenza que require atención médica e apoio integral, incorporando unha ollada crítica sobre os estereotipos de xénero que atravesan o sistema sanitario.

Sol Agra resaltou igualmente a relevancia do Premio Luísa Villalta como ferramenta de impulso á creación con impacto social. «Estes premios son fundamentais por apoiar economicamente proxectos que aínda non están rematados, xa que moitos deles, sen este financiamento, non poderían levarse a termo e perderiamos un traballo creativo» a prol da igualdade real.

O proxecto de Diana Fajardo foi recoñecido en 2025 do Premio Luísa Villalta pola súa capacidade para artellar memoria, reflexión crítica e acción cultural arredor da igualdade, consolidando o compromiso da Deputación da Coruña co apoio a iniciativas que contribúan á transformación social desde a creación artística. Cada unha das proposta gañadoras na sétima edición recibiu un máximo de 12.500 euros.