A Deputación reafirma o seu apoio a Santiago(é)Tapas como modelo de excelencia gastronómica e de promoción económica e turística
Hoxe arrancou a decimo sétima edición do certame con 48 establecementos participantes e 73 propostas culinarias que se poderán degustar ata o 8 de marzo
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, destacou a importancia «dun evento que contribúe a desestacionalizar a demanda e a poñer en valor o produto local e o talento da hostalaría compostelá»
A Deputación da Coruña volve prestar o seu apoio, un ano máis, a Santiago(é)Tapas, o certame gastronómico que organiza Turismo de Santiago e que hoxe comezou a desenvolver a súa décimo sétima edición. Cun total de 48 locais participantes –seis máis que na edición anterior– e 73 tapas a concurso, a cita consolídase como unha referencia para a veciñanza e visitantes, que poderán gozar dos petiscos ata o 8 de marzo.
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, participou na inauguración, nun acto no que estivo acompañado pola alcaldesa e a concelleira de Turismo de Compostela, Goretti Sanmartín e Míriam Louzao, e por representantes da corporación municipal e das entidades e empresas patrocinadoras.
Regueira sinalou a relevancia da colaboración institucional «nun evento cun gran valor estratéxico, que leva anos demostrando que a gastronomía é unha das mellores portas de entrada para descubrir o territorio». «O certame», abundou, «non só busca dinamizar o sector hostaleiro nun mes clave, senón tamén proxectar a imaxe de Santiago como un destino gastronómico de vangarda e calidade. E é, ademais, unha plataforma de exhibición para o enorme talento que temos nos fogóns do noso territorio e unha ferramenta de promoción económica de primeira orde».
Segundo o vicepresidente, «o apoio da Deputación responde ao compromiso de fortalecer un sector que é motor de emprego e que, grazas a iniciativas coma esta, demostra a súa capacidade para innovar partindo da excelencia do noso produto de proximidade».
O responsábel de Turismo tamén destacou o acerto de manter o certame nestas datas: «Ao situar a cita en febreiro, logramos un obxectivo prioritario para a Deputación: a desestacionalización do turismo. Conseguimos que Santiago atraia fluxos de visitantes fóra da tempada alta, beneficiando ao conxunto do tecido comercial e hostaleiro da cidade».
«Iniciativas coma estas», rematou, «contribúen a construír un modelo turístico sustentábel, baseado na identidade e na excelencia dunha gastronomía que é un dos nosos sinais de identidade máis recoñecíbeis».
