A Deputación leva a Ordes e Cerceda modelos de turismo sostible vinculados á Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle
Iniciativas de referencia en turismo sostible como Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del Bosque e Galiwonders compartiron na xornada de Ordes as súas experiencias
O vindeiro 2 de marzo terá lugar unha nova xornada en Cerceda coa colaboración GestroLab Arousa e Horta da Lousa
A Deputación da Coruña continúa a impulsar novas oportunidades de desenvolvemento económico arredor da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle coa organización dos Encontros de Emprendemento Turístico Sostible e Gastronomía Circular, unha iniciativa orientada a promover modelos de negocio baseados na sostibilidade, a economía circular e a valorización do produto local.
A primeira das xornadas celebrouse o pasado luns no Museo do Traxe de Ordes, cunha boa acollida por parte de profesionais, persoas emprendedoras e axentes do territorio. O encontro centrouse no potencial da Vía Verde como motor de actividade económica e contou coa participación de proxectos de referencia como Casa Grande de Xanceda, Cabañitas del Bosque e Galiwonders, que compartiron as súas experiencias na integración da sostibilidade, a posta en valor dos recursos locais e a comunicación como elemento diferencial.
Durante a xornada participou o deputado Antonio Leira, que destacou o papel da Vía Verde como unha oportunidade para dinamizar o rural e crear emprego ligado ao territorio. "A aposta por un turismo sostible e de calidade permite xerar actividade económica, apoiar ás pequenas empresas locais e axudar a fixar poboación", sinalou.
Gastronomía Circular en Cerceda
A segunda xornada terá lugar o vindeiro luns, 2 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas, no Viveiro Empresarial de Cerceda, e estará dedicada á Gastronomía Circular na Vía Verde. O programa combinará relatorios e intercambio de boas prácticas cun showcooking con degustación a cargo de Gastrolab Arousa. Ademais, participará Horta da Lousa, proxecto agroalimentario que exemplifica a produción ecolóxica e a recuperación de variedades locais como base dunha estratexia de desenvolvemento sostible.
Ambas actividades forman parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU. O seu obxectivo é reforzar a competitividade do tecido empresarial local, favorecer a creación de sinerxías entre iniciativas do territorio e impulsar un modelo turístico vinculado á identidade local, ao consumo de proximidade e ao respecto polo medio.
A participación na xornada de Cerceda é gratuíta, pero require inscrición previa a través do formulario habilitado: https://forms.gle/CRtuty7ReGdE22xt9. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
