A Deputación defende en BioCultura un turismo ligado á paisaxe reivindica o papel das mulleres produtoras
O vicepresidente, Xosé Regueira, reafirmou «a sintonía da Deputación coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas na aposta pola enogastronía e pola a xente que vive na paisaxe da provincia da Coruña»
«A única saída viábel á situación de incertezas e de dificultades derivadas da sinatura do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur pasa por reforzar a diferenciación por calidade, orixe e certificación ecolóxica ante o consumidor», afirmou a deputada Avia Veira
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a deputada Avia Veira, representaron este venres a administración provincial dos actos institucionais celebrados no marco da feira BioCultura 2026: a propia inauguración do evento, pola mañá, e unha entrega de diplomas á tarde.
Nacto de recoñecemento e entrega de diplomas ás novas empresas turísticas certificadas na Marca de Calidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, o vicepresidente defendeu «un turismo 'slow' a longo prazo, que xere oportunidades, e pense primeiro na paisaxe e nas persoas que viven no territorio». Un modelo, para Regueira, que comparten a Deputación e a Reserva, «exemplo de boa gobernanza, do camiño que temos que seguir».
Regueira referiuse á eclipse de sol do 12 de agosto, protagonista este ano do programa de Turismo da Deputación en Fitur, «onde a nosa presentación demostrou que é punteira e que é vangarda». «Na feira madrileña», engadiu, puidemos comprobar como todas as administracións públicas nos preocupábamos por un fenómeno que se vai presenciar unha única vez na vida de unha persoa, pero que vai significar unha marea de visitantes que van querer achegarse aos nosos destinos, sobre todo aos Starlight ou á Reserva da Biosfera».
Fixo tamén mención Regueira «á paisaxe, a enogastronía e a xente que vive na paisaxe da provincia da Coruña» como «elementos que identifican a aposta de Turismo da Deputación desde a saída da COVID». «Eu creo», abundou, «que o noso verdadeiro Silicon Valley, a verdadeira industria da provincia da Coruña, pero tamén de Galiza, é a nosa enogastronía, producir alimentos de altísimas calidades, viño e todo tipo de alimentos, e ser punteiros e vangarda tamén a nivel internacional».
Rematou o vicepresidente a súa intervención reafirmando a sintonía da Deputación coa Reserva da Biosfera: «sabemos valorar a xente que vive da paisaxe e sabemos que temos que coidar para que esa paisaxe siga sendo unha paisaxe produtiva durante moitísimos anos máis».
Modelo ecolóxico
Na xornada matinal, Avia Veira compartiu intervencións, na xornada de mañá, coa directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galiza; Martín Alemparte, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL); con José Antonio Santiso Miramontes, presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, e co concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro.
O apoio da Deputación este ano á feira é, segundo Veira, «unha aposta máis pola difusión do bo facer dos produtores e das produtoras da provincia da Coruña, das persoas que producides e transformades o boísimo produto que sae da nosa terra e do noso mar». «Pero non é unha aposta máis, senón reafirmada neste ano de incertezas e de dificultades derivadas do asinamento do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur; por iso o noso apoio a vosa visibilidade é máis importante que nunca».
O acordo presenta para a agricultura ecolóxica galega, segundo a deputada, «moitas ameazas, porque o noso sector, o modelo ecolóxico galego, de pequena explotación familiar, razas autóctonas, pastoreo e de estándares rigorosos está en posición especialmente vulnerábel fronte a un modelo agroindustrial de grande escala e con menores exixencias ambientais e laborais».
A única saída viábel a esa situación pasa, segundo Veira, «por reforzar a diferenciación por calidade, orixe e certificación ecolóxica ante o consumidor». Nese esforzo, afirmou, «os produtores e produtoras da nosa provincia terán como aliada á área de Turismo e Cadea Agroalimentaria da Deputación da Coruña».
A caer o 8M, fixo referencia ás mulleres produtoras, «as que transformades os produtos, as que recuperades receitas e maneiras de facer tradicionais, as que innovades día a día malia os retos e dificultades nos accesos a titularidades das terras, na representación nos órganos de decisión ou das dificultades para conciliar o traballo». «Desde a Deputación da Coruña», rematou, «queremos darvos as grazas ás que co voso esforzo contribuídes ao coidado da terra e ao noso desenvolvemento económico».
