Estás en:Novas

«Na ditadura franquista non houbo nada bo para as mulleres, só tortura, represión e sumisión», sinala Sol Agra

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís participou o domingo na estrea dun dos traballos gañadores dos Premios Luísa Villalta 2025, a peza teatral 'Non precisamos perdoar'

«Na ditadura franquista non houbo nada bo para as mulleres, só tortura, represión e sumisión», sinala Sol Agra

A Agrupación Instrutiva de Caamouco, no concello de Ares, acolleu este domingo a estrea da obra Non precisamos perdoar, de Eugenia Manuela Sanmartín Alonso, proxecto gañador dun dos Premios Luísa Villalta 2025 que convoca a Deputación da Coruña e dotado con 12.500 euros. Ao acto asistiron a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, e a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García, que quixeron acompañar o equipo artístico nesta primeira posta en escena da peza.

A deputada salientou tamén que «a historia do que foi o entramado de represión do Patronato de la Mujer é a constatación de dúas cousas terríbeis que xa sabiamos a maioría, pero que parece que non quedaron o suficientemente claras nas leccións de historia que estuda a nosa rapazada: a Igrexa foi cómplice activa da ditadura militar do franquismo e o corpo e a vida das mulleres foron campo de batalla e sacrificio para os fins fascistas».

Engadiu que «coñecer o padroado agora, da voz das vítimas, 50 anos despois de morto o ditador, constata outro feito, se cadra máis terríbel: a suposta transición democrática validou a barbarie máis dunha década e as mulleres vítimas seguiron esquecidas da historia».

Agra subliñou ademais que «perdoar é unha decisión individual» e que «perdoar non borra o feito», ao tempo que incidiu en que «as mulleres foron discriminadas até na barbarie, invisibilizadas na historia das vítimas» e que «é moi difícil pedir xustiza cando é o propio Estado, que debería defenderte, o que permite o crime».

A obra aborda a existencia do denominado Patronato de Protección a la Mujer, unha institución franquista que operou desde 1941 co obxectivo de exercer control sobre as mulleres, especialmente as máis novas. A proposta escénica constrúese a partir do testemuño das sobreviventes destes centros de internamento e do traballo de investigación de Belén López Cillero, autora do libro Nacionalismo e patriarcado. O padroado de protección á muller e a súa xunta provincial coruñesa. O relato incorpora voces como a de Consuelo García del Cid, unha das mulleres que pasou por estes centros, quen describe aquel sistema como «un sistema absolutamente nazi, unha Gestapo española contra as mulleres, da que ninguén falou».

A peza teatral conta con música orixinal de Barahúnda, escenografía, vestiario e atrezzo de Helga Méndez, e interpretación de Sonia Ruiz Parra, Cristina Moreira e Ángel Simón, que tamén asume a dirección xunto coa propia autora.

Oito propostas premiadas na edición 2025

O VII Premio 'Luísa Villalta' a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, recibiu nesta edición 22 solicitudes, das que o xurado seleccionou oito propostas premiadas cunha contía máxima de 12.500 euros cada unha. Estes galardóns recoñecen iniciativas que combinan calidade artística, impacto social e perspectiva feminista, contribuíndo a visibilizar desigualdades, recuperar a memoria das mulleres e promover novos relatos e ferramentas para avanzar na igualdade.