A Deputación investiu 185.000 euros na renovación do céspede do campo de fútbol Lino Balado en Oroso
Valentín González Formoso destacou o impacto do Plan Único no municipio, onde suma preto de 10 millóns de euros de investimentos e financiou 47 obras
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do deputado de Deportes, Antonio Leira, visitou hoxe o Concello de Oroso, onde foi recibido polo alcalde, Alex Doval, e polos portavoces dos grupos municipais, nun encontro institucional no que se puxo en valor a colaboración entre ambas administracións.
Tras a recepción oficial no Concello, a comitiva desprazouse ata o campo de fútbol Lino Balado, onde a Deputación financiou recentemente a renovación do terreo de xogo cun céspede artificial de última xeración. A actuación contou cun investimento próximo aos 185.000 euros e permitiu dotar ás instalacións dun firme de alta calidade, que acadou o selo FIFA Quality Pro, garantía dos máis altos estándares internacionais en rendemento, seguridade e durabilidade.
Durante a visita, o presidente destacou a importancia do Plan Único (POS+) como ferramenta clave para o desenvolvemento dos concellos. "O Plan Único é a mellor mostra do compromiso da Deputación cos municipios, porque lles permite decidir con liberdade en que investir os recursos, adaptándoos ás súas necesidades reais", sinalou. "En casi unha década, o Plan Único demostrou ser un instrumento útil, áxil e eficaz, que está a transformar os concellos e mellorar a vida da xente", engadiu.
A Deputación leva investidos en Oroso un total de 9.961.632 euros a través deste programa, que permitiron financiar 47 obras, ademais de centos de actuacións vinculadas ao gasto corrente que contribúen a mellorar a calidade de vida da cidadanía. No exercicio de 2026, o investimento inicial do Plan Único en Oroso ascende a 909.829 euros.
Ao longo dos últimos anos, os fondos do POS+ permitiron en Oroso executar actuacións moi diversas, centradas fundamentalmente na mellora das infraestruturas viarias, a reurbanización de rúas e espazos públicos, creación de sendas peonís, ampliación de redes de abastecemento e saneamento de auga nas parroquias, a mellora do alumeado público e eficiencia enerxética- como a levada a cabo na praza Alexandre Bóveda e a urbanización Porto Avieira, ou a renovación de equipamentos municipais. En total, o plan suma preto de 10 millóns de euros aprobados no municipio, dos que máis de 6,5 millóns se destinaron a investimentos e o resto a gasto social e mantemento de servizos.
A renovación do campo de fútbol Lino Balado responde á necesidade de substituír o céspede anterior, que presentaba un importante desgaste debido ao uso intensivo das instalacións. A actuación consistiu na retirada da superficie existente e na instalación dun novo céspede sintético de última xeración, así como na revisión do sistema de drenaxe e na actualización da sinalización dos campos de xogo.
No campo Lino Balado xoga o Sigüeiro e adestran maís de 300 rapaces e rapazas das escolas deportivas de Oroso. Esta intervención súmase a outras financiadas nos últimos anos pola Deputación no ámbito deportivo no municipio como a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de A Penela ou o circuito deportivo de Porto Avieira. A Deputación contribúe así a mellorar unhas instalacións deportivas de referencia no municipio, favorecendo a práctica do deporte en condicións óptimas.
