Estás en:Novas

Formoso destaca en Mugardos que o Plan Único investiu máis de 161 millóns de euros e financiou 887 obras nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O presidente da Deputación subliña que o POS+2026 inviste máis de 16,1 millóns de euros na comarca e reclama á Xunta que incremente o Fondo de Cooperación Local ata os 200 millóns

Formoso destaca en Mugardos que o Plan Único investiu máis de 161 millóns de euros e financiou 887 obras nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron hoxe o Concello de Mugardos, onde foron recibidos polo alcalde, Juan Domingo de Deus, e polos membros da corporación municipal. Durante a visita mantiveron un encontro institucional no que analizaron o impacto do Plan Único (POS+) no municipio e no conxunto da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Formoso destacou que o Plan Único se consolidou como "a principal ferramenta de apoio económico da Deputación aos concellos" e subliñou que o modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos, tanto para obras como para servizos municipais, financiando gasto corrente ou programas sociais.

O presidente provincial sinalou que a primeira achega do POS+2026 supón unha inxección de 16.175.520,48 euros para os concellos da comarca, "uns fondos que permiten mellorar infraestruturas, reforzar servizos básicos e atender necesidades sociais, pero tamén garantir o funcionamento diario dos concellos e a calidade de vida da veciñanza".

Formoso puxo en valor o impacto acumulado do plan, que desde a súa creación mobilizou xa 161.065.151,79 euros na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e permitiu financiar 887 obras nos distintos municipios. "Estamos a falar de investimentos que chegan a todos os concellos e que permiten facer desde grandes obras ata actuacións pequenas pero moi necesarias no día a día", afirmou.

O presidente lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e destacou que o Plan Único investiu o pasado ano 138 millóns nos 93 concellos da provincia, 20 millóns máis dos que investiu a Xunta nos 313 municipios galegos a través do Fondo de Cooperación Local. Por iso, reclamou á administración autonómica que incremente este fondo ata un mínimo de 200 millóns de euros "para aliviar a presión económica que están a sufrir os concellos".

Investimentos do Plan Único nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Concello

POS+ 2026 (€)

Total 2017-2026 (€)

Nº obras

Ares

528.868,43

5.404.934,88

30

Cabanas

515.601,41

5.001.402,68

44

A Capela

457.625,89

4.052.278,19

26

Cedeira

853.967,52

8.513.735,48

35

Cerdido

417.188,59

4.034.491,18

37

Fene

896.188,48

9.367.905,18

48

Ferrol

713.656,24

8.273.288,68

60

Mañón

589.932,29

6.144.867,95

58

Moeche

444.763,79

4.206.823,00

39

Monfero

983.059,74

9.948.929,91

37

Mugardos

366.934,69

4.100.174,45

36

Narón

2.184.536,77

20.453.805,43

67

Neda

488.582,31

4.937.578,97

41

Ortigueira

1.502.653,60

15.069.258,67

70

Pontedeume

697.733,52

6.843.825,14

31

As Pontes

1.790.718,77

18.533.578,82

87

San Sadurniño

736.130,69

7.026.463,28

50

As Somozas

585.227,65

5.516.813,03

39

Valdoviño

881.627,14

8.457.989,29

27

Cariño

540.522,96

5.177.007,58

25

TOTAL

16.175.520,48

161.065.151,79

887

No caso concreto de Mugardos, o municipio recibirá 366.934,69 euros no POS+2026. Desde a posta en marcha do plan en 2017, o investimento acumulado da Deputación neste concello ascende a 4.100.174,45 euros, que permitiron financiar 36 obras no municipio.

Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, destacou que o Plan Único supuxo "un cambio de paradigma na colaboración cos concellos", ao permitir adaptar os fondos ás necesidades reais de cada municipio. "É un plan que dá autonomía, que deixa a decisión de elixir en qué se inviste a quen realmente coñece as necesidades da veciñanza, que son os concellos".

A deputada destacou tamén "a flexibilidade do plan", que permite destinar fondos a obras, gasto social ou gasto corrente, "adaptándose ás necesidades de cada concello". "Nunha provincia como a nosa é o único modelo que ten sentido", afirmou Cristina García, que remarcou o "impacto positivo" que teñen as obras na economía local.

Pola súa banda, o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, agradeceu a visita institucional para presentar o Plan Único "que axuda moito aos concellos, sobre todo aos pequenos e medianos municipios que temos moitos problemas no día a día". "Os concellos necesitamos a colaboración doutras administracións porque temos demasiados servizos que prestar, moitas veces impropios, pero que temos que seguir sostendo".

Visita á Casa da Cultura

Durante a visita, o presidente e a deputada de Plans, acompañados polo alcalde, visitaron a Casa da Cultura de Mugardos, onde a Deputación financiou con 143.593 euros as obras de mellora da envolvente térmica do edificio.

A intervención centrouse na renovación da envolvente térmica do inmoble, incluíndo a substitución de carpinterías e acristalamentos por outros de maiores prestacións, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior nas fachadas e a mellora da cuberta, incorporando novos materiais illantes e reforzando a súa impermeabilidade.

Estas actuacións permitiron mellorar o confort térmico do edificio e reducir o consumo enerxético, ao tempo que contribuíron á conservación e posta en valor dun espazo de uso sociocultural moi importante para a veciñanza de Mugardos, que alberga entre outros servizos unha aulas de música, pintura e informática.