Estás en:Novas

A Deputación reivindica en Alimentaria ‘A paisaxe que sabe’ e o modelo de turismo sustentábel que impulsa a institución

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira participou nesta cita en dúas mesas redondas sobre gastronomía e turismo sustentábel

Xosé Regueira subliñou a «altísima calidade» e singularidade dos produtos que aquí se producen

A Deputación reivindica en Alimentaria ‘A paisaxe que sabe’ e o modelo de turismo sustentábel que impulsa a institución

A Deputación da Coruña participou esta semana nunha nova edición de Alimentaria, o encontro internacional de referencia para as e os profesionais da industria do sector e que se organiza cada dous anos en Barcelona, cunha destacada presenza institucional e da cadea de valor enogastronómica da provincia. Neste marco, o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, interveu este xoves en dúas mesas redondas en que se abordou o papel da gastronomía como motor económico e turístico, así como os retos do modelo sustentábel baseado no produto local.

Ambas as dúas sesións realizáronse no contexto da Gran Final do Concurso Cociñeiro e Camareiro do Ano, que se celebra tamén hoxe, nun certame co que a provincia da Coruña xa mantén vínculos, tras acoller o pasado ano unha das súas semifinais a través dun acordo coa Deputación.

Na primeira das intervencións, baixo o título 'A Coruña provincia, A paisaxe que sabe: territorio enogastronómico', o vicepresidente centrouse na identidade dos produtos e na súa vinculación co territorio. Acompañado de representantes da cadea enogastronómica galega como A Conserveira (Ribeira), Galmesán (Arzúa) ou Despensa D'Lujo (Coristanco), Regueira puxo en valor a «altísima calidade» e singularidade dos produtos que aquí se producen e a confluencia da «forza de traballo, talento, creatividade e sobre todo a orixe do que despois podemos degustar nun restaurante».

Durante o debate, Regueira abordou as liñas de apoio impulsadas desde a Deputación para posicionar os produtos da provincia nos mercados estatal e internacional, nun contexto no que a gastronomía se consolida como un dos principais elementos de diferenciación territorial e de xeración de valor engadido.

A continuación, tomou a palabra na mesa 'Turismo gastronómico: impacto na cidade dun turismo sustentábel', na que compartiu reflexións con representantes institucionais doutras administracións sobre o papel da gastronomía nas estratexias turísticas.

Este encontro permitiu afondar en cuestións como a capacidade da oferta gastronómica para atraer visitantes, o papel dos eventos e da restauración na promoción dos destinos e a importancia de avanzar cara a modelos turísticos máis sostíbeis e vinculados ao produto de proximidade. «É algo que lles debemos aos nosos fillos e fillas e diso depende o noso futuro», subliñou.

A participación da Deputación da Coruña en Alimentaria encádrase na súa aposta pola promoción da provincia como destino enogastronómico de calidade, baixo a marca 'A paisaxe que sabe', que pon en relación produto, territorio e identidade como elementos clave para un desenvolvemento turístico equilibrado e positivo para o territorio.