Estás en:Novas

A Deputación licita por máis de 804.000 euros o último tramo da Vía Verde Compostela- Tambre-Lengüelle

O treito, de 4,8 quilómetros, completará a conexión da cidade cun itinerario sostible de 36 quilómetros

A Deputación licita por máis de 804.000 euros o último tramo da Vía Verde Compostela- Tambre-Lengüelle

A Deputación da Coruña sacou a licitación as obras do tramo 2.2 da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, o último treito pendente para completar a conexión da cidade de Santiago con esta infraestrutura de mobilidade sostible.

O proxecto conta cun orzamento de licitación de 804.938,65 euros e un prazo de execución de seis meses.

Este tramo, integramente situado no termo municipal de Santiago de Compostela, abrangue unha lonxitude de 4,8 quilómetros e discorre entre o camiño das Pereiras e a estrada de acceso á aldea de Ramelle, dando continuidade ao resto do trazado da Vía Verde.

O percorrido segue o antigo trazado ferroviario en desuso e inclúe elementos singulares de gran valor paisaxístico e patrimonial, como o túnel de Reconco, de 390 metros de lonxitude, ou o viaduto sobre o regueiro Sionlla, así como o paso pola contorna da estación de Verdía.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, as actuacións previstas permitirán adaptar a traza para o tránsito seguro de peóns, peoas e cicloturistas, mediante a limpeza e acondicionamento da plataforma, a mellora do firme, actuacións de drenaxe e a instalación de elementos de seguridade como varandas, sinalización e protección en puntos singulares. O proxecto contempla tamén a adecuación de accesos e a creación de áreas de descanso ao longo do percorrido.

"A intervención permitirá recuperar un trazado actualmente invadido pola vexetación e en estado de abandono, transformándoo nun itinerario accesible, seguro e integrado no medio natural, apto para o uso recreativo, deportivo e turístico e completando a que xa é a maior Vía Verde de Galicia", explicou o presidente.

Con esta actuación completarase a Vía Verde e darase un paso definitivo para conectar Santiago cun itinerario de 36 quilómetros que recupera o antigo trazado ferroviario entre Compostela e Cerceda.