A Deputación e o Concello de Santiago visitan as obras do último treito da Vía Verde e confían en rematalas no outono
Os traballos, que contan cun orzamento de 2,2 millóns de euros, veranse atrasados por imprevistos detectados nun dos túneles, mais agárdase a conclusión cara ao mes de outubro
Unha vez concluída a conexión coa capital galega, o próximo reto da Vía Verde é a conexión coa Coruña, xa demandada por varios concellos
A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago realizaron este martes unha visita institucional ás obras do último treito da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. O encontro comezou na antiga estación da Sionlla e rematou no túnel do tramo A Sionlla-As Pereiras. Na visita participaron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; o deputado de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez. Neste treito estiveron acompañados por persoal da dirección de obra e da empresa contratista
Xosé Regueira, asegurou que «o reto inmediato é rematar a obra na súa totalidade» e definiu a infraestrutura como «un dos elementos de turismo singulares e diferenciadores con outros territorios».
O vicepresidente explicou que o proxecto «ten moitas caras», entre elas a mobilidade sustentábel entre a capital galega e a capital provincial, a recuperación da antiga estación da Sionlla como patrimonio industrial ou a redución da pegada de carbono mediante a conexión con espazos como o polígono industrial.
Indicou tamén que a visita permitiu coñecer sobre o terreo a realidade das obras e os imprevistos xurdidos durante a execución, como a caída de cascallos desde a bóveda dun dos túneles. «Agardamos solucionar as dificultades que apareceron e que a Vía Verde sexa unha realidade para Compostela xusto á porta do Ano Xacobeo», afirmou.
En relación cos prazos, lembrou que o vindeiro 31 de maio conclúe o Plan de sustentabilidade turística en destino, polo que considerou necesario rematar «canto antes a obra», marcando outubro como o horizonte máis realista.
O deputado de Deportes, Antonio Leira congratulouse porque este ano rematen os traballos da Vía Verde máis longa da comunidade e agradeceu a colaboración «modélica» entre administracións. Tamén incidiu en que «a seguridade debe primar por riba de todo», en referencia aos problemas detectados durante as obras, porque «queremos que esta sexa unha senda segura e que a xente poida gozar dela».
Leira mostrouse convencido de que «antes de que remate o ano, a Vía Verde vai aumentar en dez quilómetros» e poderá quedar concluída, ao tempo que salientou a importancia da infraestrutura para as parroquias dos distintos concellos polos que discorre.
A alcaldesa de Santiago destacou que a dos 36,5 quilómetros da senda, 13 discorren polo termo municipal compostelán. Tamén salientou a relevancia dunha actuación que supera os 2,2 millóns de euros de investimento, dos que o Concello achega 444.000. «Estamos a falar dun investimento moi importante que vai ser unha mellora do punto de vista de sustentabilidade ambiental, deportivo e dinamización económica para todas as parroquias da zona norte de Santiago», afirmou.
O reto de unir A Coruña con Santiago
Sobre os proxectos de futuro vinculados á Vía Verde, Goretti Sanmartín considerou que, unha vez rematados os traballos actuais, «deberemos comezar a falar nalgún momento da unión definitiva co polígono, queda pouco máis dun quilómetro para facelo realidade; ou tamén a recuperación da vella estación da Sionlla».
A futura conexión coa Coruña foi outro dos asuntos abordados durante a visita. Regueira definiuna como «o reto definitivo» dunha infraestrutura que en breve unirá Cerceda con Santiago. «Conectar sustentabelmente a cidade da Coruña con Compostela, a capital provincial coa capital galega, ese será o reto definitivo», afirmou. O vicepresidente recoñeceu as dificultades do proxecto, pero defendeu que «os obxectivos políticos tamén están para salvalas», lembrando ademais que xa existen concellos que apoian unha ampliación de preto de vinte quilómetros máis. «Nós non queremos renunciar aos retos por difíciles que sexan», concluíu.
