Sol Agra participa en Santiago na presentación dun traballo sobre a feminista Lola Ferreiro
O proxecto, impulsado por Feitoría Verde Sociedade Cooperativa Galega foi un dos gañadores do Premio Luísa Villalta a proxectos en igualdade que convoca a Deputación da Coruña
«Dar acceso público ao seu traballo e difundir a súa memoria é, sen dúbida, un acto de xustiza», afirmou Sol Agra en referencia á feminista ordense
A Deputación da Coruña participou este venres en Santiago de Compostela na presentación do proxecto 'Saúde, pracer, república e terra en malva'. O acto tivo lugar na Casa das Máquinas e contou coa participación da deputada de Igualdade, Sol Agra; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e de membros das entidades que colaboran no desenvolvemento e difusión do proxecto.
A protagonista deste traballo é feminista ordense Lola Ferreiro, psiquiatra e docente falecida en 2023 e moi vinculada a Santiago de Compostela. Unha persoa que, segundo explicou a deputada, representa unha maneira de entender a transformación social desde o ámbito individual ao colectivo e permite identificar retos clave para garantir dereitos sociais, sexuais e reprodutivos. Nesa liña, afirmou que «as loitas que marcaron a súa traxectoria tiveron unha influencia fundamental na promoción da igualdade de xénero e da xustiza social na Galiza».
O proxecto, impulsado por Feitoría Verde Sociedade Cooperativa Galega foi un dos gañadores do Premio Luísa Villalta a proxectos en igualdade da Deputación da Coruña na edición do 2025, recibindo unha achega de 12.500 euros. Por esa razón, a responsábel de Igualdade destacou a importancia destes galardóns, que permiten financiar até oito iniciativas en cada convocatoria, apoiando propostas alén do recoñecemento aos traballos finalistas. Neste sentido, subliñou que «fan posíbel que proxectos como este vexan a luz e se desenvolvan con garantías».
A deputada puxo tamén en valor a proposta presentada este venres, da que destacou a súa metodoloxía rigorosa e ao tempo profundamente humana, así como a súa forte raíz comunitaria, e sinalou que se trata dun exemplo de proceso colectivo que combina «arquivo, coidados e acción política».
Por último, Sol Agra subliñou a relevancia de dar a coñecer o legado de Lola Ferreiro e incidiu na necesidade de reivindicar figuras como a súa, referentes dos movementos sociais. «Dar acceso público ao seu traballo e difundir a súa memoria é, sen dúbida, un acto de xustiza», concluíu.
