Sol Agra: «A recuperación da memoria dos traballos das mulleres é fundamental para conservar a historia dos pobos»
A deputada de Igualdade participou hoxe en Mañón na presentación do mapa 'A memoria da auga', que recupera a memoria das mulleres e dos espazos de traballo e socialización que foron as fontes e os lavadoiros
Sol Agra puxo tamén en valor o papel da rede de técnicas de igualdade financiada pola Deputación, subliñando que a dinamización do rural «é posíbel cando hai recursos humanos e orzamentarios»
A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García, participaron na presentación do mapa 'A memoria da auga. Fontes e lavadoiros no concello de Mañón', unha iniciativa que pon en valor o papel das mulleres na conservación e transmisión da memoria vinculada a estes espazos. «A recuperación da memoria dos traballos das mulleres é fundamental para conservar a historia dos pobos», subliñou Agra.
O acto, desenvolto no lavadoiro da vila de Bares (Mañón), encádrase na campaña municipal do 8M e tamén se inclúe no proxecto proxecto 'A memoria da auga contada por mulleres', no que se leva traballando desde 2024 coa participación de mulleres das cinco parroquias do municipio, principalmente a través do programa de envellecemento activo.
Ao longo destes anos, o Concello impulsou distintas accións, como unha exposición fotográfica e unha peza documental, ás que se suma agora a edición dun mapa despregábel con textos e imaxes, recentemente impreso pola imprenta provincial.
Neste contexto, a deputada de Igualdade, Sol Agra, destacou que o mapa «combina memoria histórica municipal, recursos patrimoniais e turísticos, posta en valor dos saberes femininos e dos traballos das mulleres, imprescindíbeis para o mantemento da familia, mais nunca remunerados nin valorados», ao tempo que incorpora «convivencia, dinamización, lingua, cultura e intercambio interxeracional». Estes aspectos, subliñou a deputada, «non sempre se valoran dabondo porque parece que falamos de cousas de antes e pouco relevantes».
Agra puxo tamén en valor o traballo desenvolvido no marco do proxecto, recoñecendo o labor da técnica de igualdade Lucía Canoura, «que forma parte da rede de técnicas de igualdade financiada pola área de Igualdade da Deputación», así como a implicación das veciñas participantes. Neste sentido, incidiu en que a dinamización do rural «é posíbel cando hai recursos humanos e orzamentarios», e sinalou que o proxecto de Mañón «é unha boa demostración».
A deputada reflexionou ademais sobre os cambios sociais asociados á desaparición destes espazos de encontro. Malia que a lavadora aliviou a carga de traballo, tamén contribuíu a illar as mulleres nos fogares. Tarefas como lavar nos ríos ou acudir aos lavadoiros, aínda sendo duras, xeraban espazos propios de relación entre mulleres, «nos que animarse, consolarse, coidarse e tamén divertirse», fronte a unha sociedade na que elas tiñan moi limitadas as opcións de socialización.
Por iso, subliñou a importancia de recuperar estes coñecementos a través da memoria das súas protagonistas, recollelos e preservalos para as novas xeracións, nun traballo que cualificou como «etnográfico de moito valor para os concellos».
