A Deputación da Coruña formaliza por case 400.000 euros o contrato para a musealización do mosteiro de Caaveiro
O reponsábel de Patrimonio, Xosé Penas, destaca o compromiso da Deputación coa protección e valorización do patrimonio histórico provincial
A Deputación da Coruña formalizou recentemente o contrato de musealización do mosteiro de Caaveiro, situado no corazón das Fragas do Eume (A Capela). O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, asinou o acordo coa empresa adxudicataria do proxecto de obras e intervencións museográficas, cun investimento de preto de 400.000 euros e prazo de execución de seis meses.
Deste xeito, a Deputación dá un novo paso no proceso de posta en valor do mosteiro, un emblemático enclave patrimonial. Interiores de Galicia, S. L., será a encargada de desenvolver esta actuación estratéxica, destinada a reforzar a conservación, interpretación e divulgación dun dos espazos históricos e culturais máis senlleiros da provincia.
Xosé Penas subliñou que este proxecto «permitirá avanzar na musealización do mosteiro de Caaveiro, mellorar a experiencia de visita e afondar no coñecemento histórico, artístico e patrimonial dun espazo único».
Asemade, o deputado puxo énfase no compromiso da área que xestiona «coa protección, recuperación e difusión do noso patrimonio, consolidando Caaveiro como un referente cultural e turístico de primeiro nivel».
