O pleno da Deputación aproba 1,83 millóns de euros para mellorar e reforzar a seguridade viaria en Carballo, Dumbría, Cerceda, Oza-Cesuras e Cedeira
A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno provincial de onte investimentos por importe de 1.834.301 euros para a execución de cinco obras de mellora e conservación da rede viaria provincial nos concellos de Carballo, Dumbría, Cerceda, Oza-Cesuras e Cedeira.
As actuacións teñen como obxectivo principal reforzar a seguridade viaria, mellorar o estado dos firmes e garantir unhas condicións de circulación máis seguras e confortables en tramos que presentan deterioro, deformacións ou problemas estruturais derivados do paso do tempo, do tráfico e das condicións climatolóxicas.
No concello de Carballo levarase a cabo a reconstrución dun muro de escollera na estrada DP 1914 Carballo a Portomouro, no punto quilométrico 10+630, cun investimento de 200.972,52 euros. A intervención responde á aparición de fendas e asentamentos no carril, provocados pola perda de estabilidade do terreo e a degradación da escollera existente. Os traballos consistirán no desmontaxe das pedras actuais e a súa recolocación, reforzando a estrutura con novo material filtrante, xeotéxtiles e sistemas de drenaxe para evitar acumulacións de auga. Ademais, realizaranse tarefas de saneamento do firme, reposición completa das capas afectadas e mellora da drenaxe mediante solucións específicas como drenaxes en espina de peixe. A actuación complétase coa renovación da sinalización horizontal para garantir a seguridade da circulación neste punto.
En Dumbría investiranse 450.448,82 euros na mellora do firme da estrada DP 3404 de A Serra de Outes a Dumbría, entre os puntos quilométricos 22+790 e 27+160. A actuación abrangue un tramo amplo da vía e inclúe traballos previos de limpeza de beiravías e cunetas, fundamentais para asegurar un correcto drenaxe da estrada. Executarase o fresado das zonas deterioradas, especialmente en interseccións e puntos singulares, para posteriormente estender unha nova capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, garantindo unha superficie uniforme e resistente. Tamén se renovarán as marcas viarias, mellorando a visibilidade e a seguridade nunha estrada con importante uso local.
No caso de Oza-Cesuras, a Deputación actuará na estrada DP 0106 de San Vicente de Vigo a Oza dos Ríos, entre os puntos quilométricos 3+230 e 8+200, cun orzamento de 531.849,06 euros. Trátase dunha intervención integral sobre a capa de rodaxe, que inclúe a limpeza e apertura de cunetas en ambas marxes, o desbroce de taludes e a retirada de vexetación que poida afectar á seguridade. Realizaranse tamén labores de fresado en accesos, entronques e zonas deterioradas, así como a regularización puntual do firme en áreas con afundimentos. Sobre esta base, estenderase unha nova capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor en todo o tramo, adaptando elementos como tapas de rexistro á nova rasante. A actuación rematará coa renovación completa da sinalización horizontal, mellorando a seguridade e a funcionalidade da vía.
En Cedeira destínanse 203.448,42 euros á mellora do firme nas estradas DP 2204 Cedeira a Chimparra e DP 2206 das Pontigas a San Andrés de Teixido, en dous tramos diferenciados. A intervención consistirá no estendido dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor en todo o ancho da calzada e as beiravías, co obxectivo de reforzar a durabilidade do firme. Previamente executaranse traballos de apertura e limpeza de cunetas para garantir a correcta drenaxe. Ademais, procederase á reposición das marcas viarias e á instalación de sistemas de seguridade como barreiras metálicas tipo bionda en puntos necesarios, incrementando a protección dos usuarios.
Estas actuacións súmanse á mellora do firme na estrada DP 2403 entre Cerceda e Xesteda, cun investimento de 447.583,28 euros. Neste caso, actuarase sobre un tramo que presenta desgaste na capa de rodaxe, executando a renovación do pavimento mediante o estendido de mestura bituminosa en quente, así como traballos de preparación previa da superficie, limpeza de marxes e adecuación da estrada para garantir unha maior durabilidade da intervención. O obxectivo é recuperar as condicións óptimas de circulación e reducir o risco de incidencias derivadas do mal estado do firme.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que "seguimos avanzando nun plan continuado de mellora da rede viaria provincial, priorizando a seguridade e a adecuación das estradas ás necesidades actuais".
