Estás en:Novas

A Deputación inicia as obras de mellora da DP-0105 en Cortiñán, Bergondo

Os traballos xa están en marcha e supoñen un investimento de case 214.000 euros.

A principal novidade é que se circulará nun só sentido, propiciando que a maioría do tráfico se desvíe cara ao ramal que conecta coa estrada nacional N-VI.

A Deputación inicia as obras de mellora da DP-0105 en Cortiñán, Bergondo

A Deputación xa puxo en marcha os traballos de adecuación e mellora da seguridade no tramo inicial da estrada provincial DP-0105, que discorre entre Cortiñán e Vilacoba, en Bergondo. Esta intervención céntrase especificamente nos primeiros 260 metros do vial, situados no núcleo de Cortiñán, onde a proximidade de numerosas vivendas e a estreiteza da calzada facían necesaria unha reordenación do tráfico para garantir a protección tanto de condutores como de peóns. O proxecto conta cun orzamento total de 213.972,24 euros e un prazo de execución estimado en catro meses.

A principal novidade desta actuación é a implantación dun único sentido de circulación no tramo obxecto de reforma, propiciando que o tráfico principal se desvíe cara ao ramal que conecta coa estrada nacional N-VI. Grazas a este cambio, a institución provincial busca gañar espazo para as persoas, ensanchando as beirarrúas que ata agora eran demasiado estreitas ou directamente inaccesibles.

Os traballos que se están a realizar inclúen unha renovación integral de todo o espazo público. Ademais da construción das novas beirarrúas, procederase a retirar o pavimento deteriorado para estender unha nova capa de asfalto en todo o vial. Así mesmo, a obra complétase coa instalación de nova sinalización e a plantación de árbores para embelecer o trazado e crear un espazo máis verde.

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou a importancia desta obra para a veciñanza de Bergondo, sinalando que "esta actuación supón un avance fundamental na seguridade das persoas que viven e transitan diariamente por esta zona". Segundo explicou a deputada, o obxectivo prioritario da Deputación é "transformar as estradas provinciais en espazos máis humanos e seguros", especialmente naqueles puntos onde a convivencia entre os vehículos e as vivendas é máis estreita. Rodríguez subliñou que, ao reducir o tráfico a un só sentido, búscase "unha circulación máis calmada que beneficie directamente á calidade de vida dos residentes".

Pola súa banda, desde o goberno local de Bergondo destacan que esta obra supón unha "humanización do espazo e unha mellora da seguridade para os veciños e veciños da zona". "Por fin teremos un espazo ancho nas beirarrúas e, agardamos, que sirva tamén para diminuír o tráfico pesado", engaden.