Estás en:Novas

A Deputación reivindica en Melide a repostaría tradicional como patrimonio cultural vivo

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participou este domingo nos actos oficiais da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional

O representante provincial incidiu igualmente na necesidade de continuar defendendo e valorizando o patrimonio cultural e gastronómico galego

A Deputación reivindica en Melide a repostaría tradicional como patrimonio cultural vivo

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, participou este domingo nos actos institucionais da XXXIV edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide, unha cita dedicada á promoción da repostaría tradicional galega e á posta en valor do patrimonio gastronómico e cultural.

A participación institucional comezou coa recepción oficial das autoridades no espazo habilitado no Cantón de San Roque e, ao mediodía, o acto oficial da festa, que incluíu o pregón e a entrega dos títulos de recoñecemento ás embaixadoras e embaixadores do melindre 2026.

Durante o acto entregáronse as distincións a Pilar López López, á Asociación de Empresarios Terra de Melide (ASETEM) e ao pregoeiro desta edición, o xornalista Xosé Luís López Vila.

Na súa intervención, Xosé Penas definiu Melide como «o cerne do noso país e a terra máis doce ao mesmo tempo» e salientou o valor patrimonial da repostaría tradicional. «Falar do melindre non é só falar de gastronomía, é falar do patrimonio humano creado na cociña das nosas casas, na calor, pasado de xeración tras xeración», afirmou.

O deputado de Patrimonio puxo tamén o foco no papel das mulleres «como impulsoras permanentes da protección e conservación do noso patrimonio inmaterial», destacando o seu labor na transmisión de saberes e tradicións que forman parte da identidade colectiva galega.

Sinalou ademais que o melindre pasou da casa ás feiras, converténdose «noutro embaixador» e reivindicou o carácter singular da celebración: «Esta non é unha festa máis, é unha homenaxe a todos vós, os protagonistas desta historia».

O representante provincial incidiu igualmente na necesidade de continuar defendendo e valorizando o patrimonio cultural e gastronómico galego. «Somos un patrimonio vivo, un patrimonio a protexer; hoxe estamos de festa, pasearemos e degustaremos, mais tamén é unha oportunidade para reivindicar», concluíu.

A xornada completouse cun percorrido institucional polos postos instalados no Cantón de San Roque, nos que participaron os distintos obradoiros e estabelecementos presentes nesta edición da festa.