Estás en:Novas

Cristina García destaca en Outes os máis de 8 millóns de euros investidos pola Deputación a través do Plan Único nos últimos nove anos

A deputada de Plans Provinciais subliñou que o POS é «unha ferramenta indispensábel para a supervivencia dos concellos»

Outes recibirá este ano 1,4 millóns de euros entre o POS inicial e o adicional aprobado recentemente

Cristina García destaca en Outes os máis de 8 millóns de euros investidos pola Deputación a través do Plan Único nos últimos nove anos

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García Rey, visitou hoxe o Concello de Outes nunha xornada de traballo institucional para coñecer sobre o terreo distintas actuacións financiadas ao abeiro do Plan Único (POS). A visita comezou cun encontro na Casa do Concello co alcalde, Francisco Calo Abelleira (PP), e membros da corporación municipal. Na visita tamén estiveron presentes Domingo Antonio Troncoso, concelleiro de Urbanismo; Sol Agra, concelleira do BNG e deputada provincial; Alba Quintela, de Compromiso por Outes; e Antonio Caamaño, concelleiro non adscrito.

Durante a xornada, a comitiva desprazouse para supervisar varias obras executadas no municipio con financiamento provincial. Entre elas, o acondicionamento da planta superior do antigo colexio do Cruceiro de Roo para convertela en escola de música, unha actuación cun investimento de case 130 000 euros.

Tamén coñeceron as obras de construción de beirarrúas no Cruceiro de Roo, cun importe de preto de 65 600 euros, así como actuacións de pavimentación de viarios e a mellora do alumeado deportivo no campo de fútbol de Outes, cun investimento de algo máis de 51 000 euros.

Durante a visita, Cristina García destacou que «hoxe estamos aquí para ver convertidas en realidade estas cifras». A deputada provincial lembrou que Outes recibirá este ano «1,4 millóns de euros ao abeiro do Plan Único, entre o POS inicial e o adicional que se acaba de aprobar», uns fondos que poden destinarse «a obras, servizos sociais ou gasto corrente».

A responsábel provincial incidiu ademais en que o POS «é unha ferramenta indispensábel para a supervivencia dos concellos, especialmente dos máis pequenos», se ben as dificultades de financiamento afectan o conxunto dos municipios.

Cristina García puxo tamén en valor o modelo de financiamento provincial, asegurando que «a principal diferenza do POS sobre outros plans é a súa estabilidade, xa que se coñece a contía con antelación e iso dá estabilidade e permite planificar o investimento». Segundo explicou, esta fórmula tamén «dá flexibilidade aos concellos para adaptalo á súa realidade» e permite «dar solucións aos problemas da veciñanza de cada municipio».

Máis de oito millóns nos últimos exercicios

Desde a posta en marcha do Plan Único no ano 2017, o Concello de Outes recibiu un total de 8,03 millóns de euros da Deputación da Coruña. Desta cantidade, máis de 5,2 de euros destináronse a investimentos en obras e infraestruturas municipais, algo maís de 2 millóns foron para gasto corrente e preto de 482 000 euros para gasto social.

Ao longo destes anos aprobáronse 79 actuacións no municipio, permitindo executar melloras en viarios, abastecemento, saneamento, equipamentos públicos e instalacións deportivas en distintas parroquias e núcleos do concello.