Estás en:Novas

A Deputación saca a licitación por máis de 1,15 millóns de euros a mellora do firme da DP-7804 en Santiago

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 22 de xullo para executar esta actuación na estrada provincial que conecta Santiago con Val do Dubra

A Deputación saca a licitación por máis de 1,15 millóns de euros a mellora do firme da DP-7804 en Santiago

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación as obras de mellora do firme da estrada provincial DP-7804, de Val do Dubra a Santiago, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 19+000 e 22+760, no termo municipal de Santiago de Compostela.

O proxecto conta cun orzamento de 1.150.848,02 euros e permitirá completar as obras de ampliación e mellora do trazado que a Deputación está ultimando neste mesmo vial, cun investimento superior ao millón de euros. O obxectivo é ofrecer unha vía máis segura, moderna e adaptada ao elevado volume de tráfico que soporta esta conexión entre Santiago e Val do Dubra.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de xullo. Unha vez adxudicada, a obra terá un prazo de execución de cinco meses, contado desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo.

Os traballos previstos inclúen a apertura de cunetas e limpeza de paseos, o fresado e reposición do firme nas zonas de travesía, o parcheo de fochancas e o estendido dunha dobre capa de mestura bituminosa en quente, de 5 e 6 centímetros de espesor, ao longo da calzada. No tramo de travesía executarase unha única capa de rodadura de 5 centímetros.

A actuación complétase coa mellora da drenaxe nos puntos nos que se producen filtracións de auga e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Con esta intervención, a Deputación culminará unha mellora integral deste tramo da rede viaria provincial, reforzando a seguridade, a comodidade da circulación e as condicións de visibilidade nun dos principais accesos entre Santiago e Val do Dubra.