Estás en:Novas

O proxecto Aquí tamén se fala! do IES Rafael Dieste recibe o Premio Na lingua que eu falo da Real Academia Galega

A deputada de lingua, Sol Agra, participou no acto de entrega, onde sinalou que o galardón recoñece "que o futuro do galego pasa por darlle protagonismo á xente nova que sabe que falar o galego en todos os contextos sociais supón un acto de rebeldía e futuro"

A Deputación colabora co festival musical "Aquí tamén se fala!" e ademais outorgoulle ao proxecto o premio Rosalía de Castro da lingua no 2024

No acto tamén participaron o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o promotor de ATSF e director do Rafael Dieste, Alberto Pombo, e a coordinadora de Primavera das Letras, Fina Casalderrey

O proxecto Aquí tamén se fala! do IES Rafael Dieste recibe o Premio Na lingua que eu falo da Real Academia Galega

Cadrando coa semana do Día Europeo das Linguas, a RAG entregoulle hoxe ao instituto coruñés o galardón co que recoñece iniciativas que destaquen polo seu traballo a prol da normalización do idioma na infancia e na mocidade. Unha iniciativa que conta co apoio da área de lingua da Deputación da Coruña. A deputada de lingua, Sol Agra, participou no acto, xunto ao presidente da RAG , Henrique Monteagudo; o promotor de ATSF e director do Rafael Dieste, Alberto Pombo, e a coordinadora de Primavera das Letras, Fina Casalderrey.

Agra trasladou as felicitacións da Deputación da Coruña ao equipo de Aquí tamén se fala! por un recoñecemento que se suma ao amplo percorrido do proxecto, distinguido tamén co Premio Rosalía de Castro da Lingua da Deputación da Coruña en 2024. A deputada destacou o papel da mocidade na revitalización do idioma e sinalou que "o futuro do galego pasa por darlle protagonismo á xente nova que sabe que falar o galego en todos os contextos sociais supón un acto de rebeldía e futuro".

Neste sentido, Agra puxo en valor o traballo desenvolvido polo IES Rafael Dieste e a capacidade de Aquí tamén se fala! para implicar cada vez máis centros e alumnado arredor da lingua galega. "Ver como medra este movemento ano tras ano reafirma o noso compromiso con proxectos que demostran que a nosa lingua está viva e que é unha extraordinaria ferramenta de integración e intercambio cultural", afirmou.

Un proxecto que fai do galego unha lingua de encontro
A Real Academia Galega recoñece con este premio – unha iniciativa que conta co apoio da Deputación – a capacidade de Aquí tamén se fala! para transcender o propio ámbito educativo e converterse nun movemento de participación xuvenil arredor do galego.

O proxecto naceu no IES Rafael Dieste en 2023 da man do profesorado Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González e conta cunha importante participación do alumnado, nun centro no que sete de cada dez estudantes son de orixe migrante. Ao longo dos últimos tres anos, a iniciativa estendeuse a preto de 300 centros educativos e 25.000 mozos e mozas, consolidándose como unha das experiencias de dinamización lingüística con maior impacto social dos últimos anos.

Entre as súas iniciativas destaca o festival musical Aquí tamén se fala!, co que colabora a Deputación da Coruña a través da súa área de Lingua. O proxecto ten conseguido ademais a participación de numerosas figuras públicas e contribuíu a situar o galego como unha lingua presente en espazos de encontro, cultura e participación xuvenil.

Durante o acto, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destacou precisamente a capacidade de Aquí tamén se fala! para facer do galego unha ferramenta de integración e intercambio cultural e puxo o proxecto como exemplo da importancia das iniciativas que nacen desde a propia sociedade.

Pola súa banda, Alberto Pombo agradeceu o recoñecemento e puxo o foco no protagonismo do alumnado, especialmente daqueles mozos e mozas que chegaron ao galego desde diferentes procedencias. "Estes rapaces ensináronnos que unha lingua pode ser tamén un lugar de chegada", sinalou.

O Premio Na lingua que eu falo, creado pola Real Academia Galega en 2025, toma o seu nome dun verso dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro e concédese ao abeiro de Primavera das Letras, proxecto da RAG dirixido ao público máis novo e que conta co apoio económico da Deputación da Coruña.