CeibaRimas reunirá en Rianxo o mellor freestyle en galego co apoio da Deputación
A sexta edición da competición desenvolverase o 3 de outubro con máis de 1.000 euros en premios, concertos, actividades para a cativada e unha festa final con DJs
"Esta iniciativa demostra que o galego é unha lingua plenamente viva, capaz de habitar todos os espazos e de dialogar coas novas formas de creación cultural" sinalou a deputada de lingua, Sol Agra
Rianxo converterase o vindeiro 3 de outubro nun punto de encontro para a música, a cultura urbana e a tradición oral galega co desenvolvemento de CeibaRimas 2026, a gran competición de freestyle improvisado en lingua galega, que conta co apoio da Deputación da Coruña. A sexta edición do evento desenvolverase nas inmediacións da praza de Castelao a partir das 18.00 horas e reunirá participantes e artistas arredor da palabra improvisada en galego. A competición repartirá máis de 1.000 euros en premios e terá inscrición gratuíta a través da web de CeibaRimas.
A deputada de Lingua, Sol Agra, salientou o valor dunha iniciativa que "demostra que o galego é unha lingua plenamente viva, capaz de habitar todos os espazos e de dialogar coas novas formas de creación cultural". Sinalou tamén que "o freestyle ten unha enorme capacidade para conectar coa xente nova e para facer do galego unha lingua de uso, de creación e de diversión. Desde a Deputación queremos apoiar proxectos que, como CeibaRimas, amplían os espazos nos que a nosa lingua está presente e achegan a cultura galega a novas xeracións".
Programación
Ademais da competición, CeibaRimas ofrecerá ao longo da tarde unha ampla programación musical. O cartel contará cos concertos de Rebeliom do Inframundo e Txuki Camanho, xunto coas actuacións de Noa Vigo, Baba Sall, Alddara, Skadi GZ, Basti e Ash Diz. Unha vez que remate a competición, a programación continuará a partir das 23.00 horas cunha afterparty que contará coas sesións de DJ Misa, Saibran DJ Set e Soundivan.
Entre as novidades desta sexta edición destaca a incorporación dun obradoiro de rap improvisado para nenas e nenos de 6 a 12 anos, que terá lugar ás 12.00 horas e será impartido por High Paw. "É especialmente importante que as novas xeracións vexan que o galego tamén pode ser a lingua coa que crean, xogan, improvisan e se expresan nos ámbitos culturais que forman parte do seu día a día", engadiu Agra.
