Unha xornada en Mariñán aborda os prexuízos de xénero nos procesos por violencia sexual e a atención aos menores
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou na apertura do encontro, organizado pola Subdelegación do Goberno na Coruña coa colaboración da Deputación
A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou esta mañá no Pazo de Mariñán na inauguración da xornada formativa “Violencias sexuais. Aspectos xudiciais”, xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Encarnación Rodríguez Barca.
O programa reúne profesionais da xudicatura, da fiscalía e da atención á infancia para analizar como se abordan os casos de violencia sexual nos tribunais. O maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Fernando Lousada Arochena abriu as sesións cun relatorio sobre a influencia dos prexuízos de xénero á hora de xulgar estes casos.
A atención aos menores centra outra das sesións da mañá, coa participación de Raquel Duque Gómez, coordinadora da unidade Barnahus de Tarragona, que presenta este modelo de atención integral á infancia. A xornada aborda tamén a proba preconstituída e dedica as sesións da tarde á violencia de xénero e á discapacidade, así como ao consentimento e á carga da proba nos casos de violencia sexual.