Pedra do Mouro (Dolmen de Axeitos)
Os monumentos megalíticos coma este foron construídos entre o IV e o III milenio a. C. e foron lugares de enterramento para as comunidades que daquela habitaban Galicia.
Durante estes seis mil anos, as diferentes poboacións que habitaron estas terras de Axeitos respectaron este dolmen e fixeron posible que chegase ata nós en boas condicións. Asemade, a tradición outorgoulle unha significación simbólica especial e deulle un nome propio: Pedra do Mouro.
Os mouros son seres mitolóxicos, ubicuos, a quen se lles atribúe a construción de todo aquilo do que as comunidades tradicionais non gardan memoria de cando se fixo, como esta anta de complexa morfoloxía. Porén, na tradición, os mouros son seres do presente que, hoxe en día, seguen a habitar no seu mundo subterráneo, coutado para os humanos e ateigado de tesouros.
Hoxe, herdeiros dese legado milenario e orgullosos do respecto dos antepasados por estes monumentos, é obriga de todos garantir a súa conservación para o gozo e estudo das xeracións futuras.
- Ilustración da anta de Axeitos (José M. Yáñez Rodríguez).
- Pedra das Cabras, situada nas inmediacións da anta e hoxe destruída. Ano 1927. (Fondo: Ramón Sobrino Buhígas. Arquivo: Núñez Sobrino. Fototeca: Colectivo A Rula).