O Dolmen de Dombate
Catedral do Megalitismo
Estamos ante a chamada "Catedral do Megalitismo galego", xa que, realizado en granito da zona, o Dolmen de Dombate constitúe un dos exemplos máis paradigmáticos do megalitismo en Galicia. Trátase dunha construción con 18 ortostatos e unha altura de 4,65 m, de carácter funerario e colectivo. Encadrada no neolítico galego, esta construción data de ca. 3700 a.n.e., e estivo en uso até o 2700 a.n.e., aproximadamente, o que supón arredor dun milenio de ocupación.
As rochas máis pequenas que arrodean o dolmen forman parte da coiraza de pedras que conformaba a mámoa, é dicir, a cuberta orixinal do dolmen: un túmulo de terra e pedras con 24 m de diámetro e unha altura actual de 1,8 m, que o cubría parcialmente. Hoxe en día, a coiraza aparece destruída en boa parte por causa dos saqueos que sufriu o monumento ao longo da historia.
Na parte dianteira do dolmen están situados os célebres idoliños. Estas figuriñas de pedra con forma antropomórfica, aliñadas coa entrada do dolmen anterior ao corredor, poderían representar as persoas enterradas ou ben teren unha función protectora.
Conservación das pinturas rupestres
A Deputación da Coruña adquiriuno no 1975 e foi escavado pouco despois, a finais do século XX. Concretamente, durante tres campañas de escavación realizadas baixo a dirección de José María Bello entre os anos 1987 e 1989, nas que se descubriu boa parte das súas características.
O edificio que protexe o dolmen é obra do arquitecto coruñés Francisco Vidal e inaugurouse no 2011. Para o teito inspirouse nas pinturas atopadas dentro do dolmen. Estas pinturas, que decoran a parte interior do corredor e a cámara, pódense ver na réplica que se atopa no centro arqueolóxico. Realizadas en caolín, óxido de ferro e carbón vexetal, presentan formas xeométricas e retículas contornadas por puntos que combinan as cores branca, vermella e negra.
No seu interior tamén se atoparon uns gravados, que a arqueóloga irlandesa Elizabeth Shee denominou como The Thing: A cousa. Estes gravados aínda xeran confusión, xa que non se sabe ben o que podían representar.
O conxunto arqueolóxico
Para a posta en valor de Dombate levouse a cabo unha nova campaña, baixo a dirección de Manuel Lestón, a principios do século XXI. Foi documentada actividade antrópica de adscrición prehistórica no contorno inmediato do dolmen, con estruturas como gabias, foxas e restos de fogueiras. Estes traballos axudaron a ampliar o coñecemento sobre o xacemento e as distintas fases de ocupación. Xa que logo, cando falamos do xacemento xa non nos referimos soamente ao monumento funerario visible.
A carón do dolmen vemos tamén dous pequenos círculos de pedras, considerados estruturas destinadas a prender fogueiras. Estes lares puidéronse empregar para a celebración de rituais funerarios. Existe tamén a hipótese de que se utilizasen para incinerar os corpos antes de depositalos no interior, aínda que disto non temos indicios científicos. O máis probable é que os enterramentos se realizasen por inhumación na cámara funeraria. Porén, a acidez da terra en Galicia fai imposible a conservación de restos orgánicos que o confirmen.
O dolmen de Dombate conta, ademais, cunha característica única en Galicia: o feito de que haxa dous dolmens na mesma mámoa. O dolmen máis pequeno, que ten pola súa vez a súa propia mámoa, é o máis antigo e a súa datación corresponde ca. 3900 a.n.e., é dicir, é uns 200 anos máis antigo que o grande, chamado "Dombate Recente". Actualmente non se conserva a estrutura completa do pequeno.
Todas estas características forman parte da maxia do dolmen de Dombate, inspiración de grandes poetas coma Eduardo Pondal e protagonista de lendas que xa forman parte da nosa historia.
Limitación de uso
As persoas visitantes deben atender as indicacións do persoal do recinto, incluída a espera no centro de recepción por regulación de aforo, cun número máximo de 25 persoas.
Queda prohibida a reprodución, distribución ou venda de fotografías sen a autorización da Deputación da Coruña.
