Estás en:Servizos Sociais Igualdade de xénero Proxectos Campaña "De fronte a violencia de xénero".Conmemoración 25N "Día contra a violencia de xénero"

Campaña "De fronte a violencia de xénero".Conmemoración 25N "Día contra a violencia de xénero"

DipuCor_ViolenciaXenero_A4_Digital-scaled.jpg

Desde Igualdade da Deputación da Coruña impulsamos, por sexto ano consecutivo, a campaña DE FRONTE con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que conta coa adhesión de 93 concellos e 116 entidades sociais, educativas, empresariais, sanitarias e culturais.

A conmemoración do 25 de novembro enmárcase na Área Estratéxica 6 do Plan de Acción das Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña 2019-2026, dando cumprimento á acción 6.1.1: Fomento dunha sociedade libre de violencias machistas.

Nesta anualidade traballaremos sobre os novos discursos, ferramentas e estéticas das violencias machistas, organizados en tres eixes principais:

  • Manosfera e discursos misóxinos en comunidades masculinas dixitais.
  • Novas estéticas e discursos da submisión feminina (coquette, tradwife, soft girl, pick me girl, etc.).
  • Xénero, tecnoloxía e intelixencia artificial.

As redes sociais, foros en liña e plataformas audiovisuais están a converterse en espazos de difusión de discursos misóxinos e modelos de relacións desiguais. Estes discursos, moitas veces disfrazados de "estilo de vida" ou elección persoal, reforzan roles tradicionais, romantizan a submisión feminina e perpetúan formas de control e violencia simbólica.

Fenómenos como a manosfera, os movementos tradwife, o fenómeno coquette ou o uso da intelixencia artificial para xerar contido sexual non consentido son expresións actuais dun patriarcado dixital que exerce presións sociais especialmente sobre as mulleres mozas.

A campaña busca:

  • Alertar sobre estas novas formas de violencia.
  • Desenmascarar a aparente inofensividade destes discursos e estéticas.
  • Ofrecer claves de análise crítica, especialmente orientadas á mocidade.
  • Actualizar os marcos de prevención, recoñecendo e combatendo as formas emerxentes de violencia de xénero desde a comunicación institucional, a pedagoxía social e o compromiso feminista.

Programa de actividades
A campaña vai máis alá da celebración do 25N e desenvolverase nos próximos meses cun programa integral que inclúe:

  • Acción simbólica e manifesto transferible para a conmemoración do 25N.
  • Xornada presencial sobre as novas formas de violencia de xénero nos espazos dixitais, analizando como as redes e as tecnoloxías emerxentes perpetúan discursos machistas mediante códigos estéticos, algoritmos e dinámicas afectivas.
  • Contidos pedagóxicos feministas e preventivos, con recursos para adolescencias, persoas adultas e profesionais:
  • Circuíto de 10 obradoiros interxeracionais en distintos concellos da provincia.
  • Pack de stickers feministas para WhatsApp e Telegram.
  • Recursos dixitais adaptados ás linguaxes das redes sociais (reels, TikToks, xogos interactivos, infografías).
  • Contidos gráficos dixitais para redes, centrados na denuncia dos novos discursos machistas:
  1. Proliferación da manosfera e comunidades dixitais misóxinas.
  2. Rexurdimento do conservadurismo relacional (tradwives, fenómeno coquette).
  3. Conceptos como o VMS (Valor no Mercado Sexual).
  4. Uso da intelixencia artificial para xerar contido sexual non consentido.
  • Recursos e materiais. Cada concello recibirá un lote de material físico (tapas para webcam e pulseiras para móbil) coa imaxe e lema da campaña.

Colaboración e difusión

Solicitamos a vosa colaboración revisando os compromisos de adhesión á campaña. Agradecemos que na difusión empreguedes os cancelos oficiais:

#Defronte

#DeputaciónDaCoruña

@Depucoruna

Na web da campaña está dispoñible o enlace de descarga para elaborar materiais propios e reforzar a visibilidade.

Para máis información consultar a web www.defronte.gal

Anuncios #RompeOSilencio