Estás en:Servizos Sociais Área de Igualdade Proxectos Conmemoración do 25 N (2021)

Conmemoración do 25 N (2021)

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña por segundo ano pon en marcha na provincia a campaña conxunta "DE FRONTE á violencia de xénero", unha campaña e programa de actividades que apela directamente á implicación social, de maneira especial aos concellos e tamén ás distint as entidades sociais que traballan no territorio. Nesta anualidade contamos con 88 adhesións dos concellos da provincia e 61 do tecido asociativo.

Mediante esta campaña procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Entre os seus obxectivos tamén se encontra a sensibilización social fronte á violencia de xénero, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero

Podese consultar toda a información da campaña na web defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade.

Tal e como se establece no "Plan de acción das políticas de igualdade de xénero da provincia da Coruña (2019-2023)", a Deputación traballa na ¿creación de redes de Concellos pola igualdade e contra as violencias machistas na provincia da Coruña¿. É dende este marco dende o que se pon en marcha este proxecto de ámbito provincial con vocación de continuidade, co principal obxectivo de fomentar unha rede de colaboración estable entre administracións locais sensibles e activamente comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación e co conxunto da sociedade.

Por outro lado o Plan tamén establece na súa sexta área estratéxica a necesidade de continuar o traballo no "fomento dunha sociedade libre de violencias machistas" nun sentido amplo. Así, a posta en marcha deste proxecto vai acompañada da publicación nesta páxina web e nas redes sociais da Deputación dunha serie de actividades e recursos en liña en torno á conmemoración anual do 25 de novembro, cumprindo deste xeito coa medida 6.1.1. do devandito plan.

Programa de actividades 2021:

  • Celebración de 3 palestras que serán retransmitidas en directo na páxina defronte.gal e na canle de YouTube da Deputación da Coruña (máis información para asistir de xeito presencial):
    • Xoves 4 de novembro de 19h a 20h. Centro Arteixo Innovación. Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero, tratarán a violencia vicaria como unha manifestación máis da violencia machista. Explicarán cuestións tan necesarias como identificar como se manifesta, como abordala, como se regula a violencia vicaria no sistema legal, como protexer ás vítimas a través do sistema xudicial e os recursos existentes para facelo. Dispoñible por streaming a través de YouTube.
    • Xoves 11 de novembro de 19h a 20h. Auditorio Municipal de Rianxo.
      "Violencias de xénero en mulleres maiores". Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA serán as encargadas de expoñer como as mulleres maiores experimentan a discriminación de xénero en maior medida que as mulleres novas, e a discriminación por idade máis que os homes maiores; e como esta dobre discriminación está na base da invisibilidade da violencia de xénero. Dispoñible por streaming a través de YouTube. A ligazón estará dispoñible uns días antes do evento.
    • Xoves 18 de novembro de 18h a 19h. Auditorio Municipal de Muxía
      "A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local". Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee, Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía abordarán a importancia da coordinación de servizos e profesionais de distintos recursos para mellorar o sistema de atención integral á vítimas de violencia de xénero, ao tempo que amosarán en primeira persoa a práctica do traballo en rede no ámbito local. Dispoñible por streaming a través de YouTube. A ligazón estará dispoñible uns días antes do evento.
  • Visual Thinking: Actividade xuvenil sobre tratamento e prevención da violencia de xénero, a partir de 3 microvídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.  Dispoñible a partir do 15 de novembro.
  • Scape Room. Actividade para seguir traballando co contido do visual thinking de xeito colaborativo. O xogo formúlase para que poidan participar varios grupos ao mesmo tempo e no mesmo espazo. Tanto o material como as normas do xogo responden a criterios de accesibilidade, igualdade, cooperación e sensibilidade cara a violencia de xénero. Os grupos deben resolver un enigma arredor dunha situación de violencia machista a través de diferentes pistas espalladas polo espazo onde haberá que aplicar a lóxica, a rapidez e o traballo en equipo. Para a resolución do enigma contarase coa información recollida nos visual thinking, de xeito que se reforcen as ideas máis importantes e se tome consciencia de que a solución, dado que é unha problemática social, debe ser abordada por todas e por todos.Recurso dispoñible na web defronte.gal a partir do 15 de novembro.
  • “Martiña Soñadora”. Espectáculo musical para público infantil dispoñible na web defronte.gal entre os días 22 e 29 de novembro. Sabela King á voz e ao ukelele e Carlos Gil ao piano interpretan composicións de produción propia que achegan á rapazada ritmos brasileiros, blues ou rock&roll ao tempo que nos falan de relacións afectivas sas, de igualdade ou da importancia de rachar cos estereotipos sexistas desde a expresión musical. Dispoñible entre os días 22 e 29 de novembro.
  • Lectura de textos poéticos  Acto colectivo de lectura de textos poéticos relacionados coa temática, o día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas. Celebrarase o día 25 de novembro ás 12.00 no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña.

Descargas