Estás en:Servizos Sociais Área de Igualdade Proxectos Descorre o veo da explotación sexual

Descorre o veo da explotación sexual

Descorre o veo da explotación invisibilizada

O proxecto "Descorre o veo da explotación sexual" é o resultado da participación de 12 Centros de Información á Muller da provincia nun proxecto colectivo de sensibilización e creación artística coordinado por 7H Cooperativa Cultural coa colaboración de Médicos do Mundo sobre a trata con fins de explotación sexual.

Os obxectivos que se pretenden con esta campaña son os seguintes:

  • Dar a coñecer o fenómeno da trata. Definición, compoñentes econsecuencias.
  • Difundir as dimensións da explotación sexual e a trata en Galiza.
  • Mellorar a identificación das persoas vítimas do delito de trata de seres humanos.
  • Sensibilizar á sociedade a través dunha campaña artística de creación colectiva.

Tendo en conta a Diagnose e plan de acción das políticas de igualdade "Compartimos Plan", do que seu deu conta ao pleno da corporación provincial, e os obxectivos que veñen marcados nas súas áreas estratéxicas 3 e 6, esta campaña enmárcase nesa liña de traballo, concretamente esta acción encaixa na medida 6.1.3 impulso dunha campaña contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual que poña o foco nos homes como principais consumidores de prostitución e na medida 6.2.4 Realización de xornadas de formación para profesionais en materia de trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

O cuestionamento destas percepcións e dos valores patriarcais e capitalistas que as sustentan, foi un dos puntos consensuados polas traballadoras dos CIM ao longo das catro sesións de formación teórica e creación artística do proxecto, que se desenvolveu virtualmente entre o 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, e o 18 de outubro, Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos.

A primeira parte do programa, desenvolvida en colaboración con Médicos do Mundo, consistiu nunha contextualización do fenómeno da trata no noso país e a facilitación de ferramentas para a detección, atención, apoio e información a mulleres vítimas deste delito. Posteriormente, baixo a mediación de 7H Cooperativa Cultural, as participantes convertéronse nas creadoras dunha campaña artística de comunicación, consensuando
colectivamente o obxectivo, canle de difusión e público destinatario, entre outros elementos, da súa proposta de sensibilización. A súa materialización nun formato visual foi executada polo equipo creativo de 7H e compartida, para a súa validación, cun pequeno grupo de mulleres ex prostituídas a través de redes de trata.

A peza creada con formato GIF se difunde nas redes sociais, baseada nunha animación que simula a reacción dun usuario dunha aplicación de servizos de prostitución ao descubrir a violación de dereitos humanos oculta tralo seu consumo, é resultado da implicación de traballadoras de 12 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia no proxecto Este programa de sensibilización e acción colectiva, promovido pola Deputación da Coruña e desenvolvido baixo a coordinación de 7H Cooperativa Cultural coa colaboración de Médicos do Mundo Galicia,
involucrou no deseño creativo da mensaxe a preto de 20 profesionais dos centros municipais de atención á muller, quen apuntaron a necesidade de desnormalizar entre a mocidade a compra de servizos sexuais coma unha
forma de lecer. 

A campaña procura poñer o foco no rol do cliente no negocio da trata para sensibilizar e educar, fundamentalmente a mozos de entre 15 e 25 anos, unha franxa de idade na que a concepción da sexualidade está fortemente influenciada polo consumo de pornografía e na que comeza a naturalizarse a compra de servizos sexuais coma unha práctica común entendida en moitos casos coma unha demostración de virilidade.