Mulleres da Reconversión
A Deputación da Coruña impulsa esta iniciativa de memoria e igualdade que culminará cun documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital como recoñecemento das mulleres que sostiveron, en silencio, boa parte da historia industrial e social da comarca.
"Mulleres da Reconversión" é unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, que ten como obxectivo recuperar, visibilizar e poñer en valor as historias de vida das mulleres vinculadas á reconversión naval e á transformación industrial da comarca de Ferrolterra.
O proxecto está aliñado cos obxectivos do Plan de Igualdade Provincial e forma parte da programación especial do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Agra puxo en valor "a necesidade de recoñecer o papel das mulleres non só como acompañantes, senón como suxeitos activos da historia económica e social do noso territorio".
O proxecto "Mulleres da Reconversión" comezou a finais do 2025 cunha primeira fase de documentación, e continúa o seu desenvolvemento coa participación de mulleres das distintas parroquias de Fene, a través das entidades locais. Inclúe un traballo de investigación e dinamización comunitaria para recoñecer testemuños, vivencias, fotografías, documentos e materiais persoais.
A iniciativa culminará coa presentación pública do documental e da exposición no marco do 8 de Marzo, reforzando así o seu carácter feminista, reivindicativo e de historia colectiva.

