Xornadas “Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados”
A Área de Igualdade da Deputación da Coruña organiza, en colaboración coa Asociación Movilidad Humana, as xornadas "Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e dos coidados", un espazo de diálogo, recoñecemento e fortalecemento colectivo arredor do papel fundamental que desempeñan as mulleres migrantes no ámbito dos coidados e do traballo doméstico.
O encontro, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro), nace co obxectivo de visibilizar, dignificar e defender os dereitos laborais e sociais destas traballadoras esenciais, moitas veces invisibilizadas e afectadas por situacións de precariedade, discriminación e falta de recoñecemento institucional.
Un espazo para o encontro e a reflexión colectiva
As xornadas desenvolveranse baixo unha metodoloxía feminista, interseccional e comunitaria, coa intención de crear un espazo seguro e participativo no que as propias mulleres poidan compartir experiencias, identificar retos e deseñar propostas conxuntas cara a un emprego digno e con dereitos.
O programa inclúe mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva sobre temas como os dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política. Contarán coa participación de especialistas como Raquel Martínez Buján, Tania Sordo Ruiz, Silvia Carrizo, Ismael Sánchez Jiménez e Ximena Medina Mejía, entre outras persoas convidadas.
Coa forza das lideresas migrantes
A iniciativa pon no centro as voces das mulleres migrantes lideresas, recoñecendo o seu papel esencial na sostibilidade social, económica e cultural da nosa sociedade. A súa experiencia e compromiso son clave para avanzar cara a unha Galicia máis xusta, diversa e igualitaria.
A Asociación Movilidad Humana achegará a súa experiencia na defensa dos dereitos deste colectivo, colaborando na elaboración dun programa que combina reflexión teórica, análise crítica e propostas de acción transformadora.
Participación
A participación é de balde e as inscricións poden realizarse a través desta ligazón.



