Acoso na rúa
O ferrolán CEIP Esteiro acolleu a presentación do "Encontro escolar de Ferrolterra pola eliminación da violencia de xénero", unha iniciativa organizada pola área de igualdade da Deputación e a Fanpa Ferrolterra para concienciar aos/ás escolares sobre a importancia de acabar co acoso na rúa.
Un total de 47 centros dos 11 concellos de Ferrolterra, e máis de 9.000 escolares participan nesta iniciativa. Cada centro conta cunha sinal de "STOP ACOSO NA RÚA", e coa xa recoñecida mascota do programa, Violeta. Ademais, farán uso do "Chalk Back" para visibilizar o programa: un movemento contra o acoso na rúa liderado por mozas novas, que escriben con xices nas rúas as gabanzas e comentarios non desexados que reciben para crear conciencia sobre os problemas que implica o acoso rueiro. Así, os centros contan con espazos para escribir con xices esas gabanzas ou comentarios non desexados.
Ademais da sensibilizar e informar, esta iniciativa pretende proporcionar ferramentas para actuar ante o acoso rueiro. Co fin de dar unha gran visibilidade ao traballo realizado polos centros, realizarase un gran mural composto coas mensaxes e frases da acción de "Chalk Back" que serán fotografadas e reproducidas no citado mural. Este elemento, arroupado por sinais e outras pezas relacionadas co Encontro e coas anteriores edicións, serán expostas nun espazo de Ferrol aberto ao público para que, tanto os escolares como o público en xeral, poidan visitalo.