Campaña de sensibilización con motivo do 28 de xuño, día da diversidade cultural
Con motivo da conmemoración do 28 de xuño "día da diversidade sexual", desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña impúlsase esta Campaña de sensibilización da que forman parte un total 40 concellos da provincia da Coruña:
AMES, ARTEIXO, ARZÚA, A POBRA DO CARAMIÑAL, AS SOMOZAS, BERGONDO, BETANZOS, CABANAS, CAMBRE, CARBALLO, CARIÑO, CEDEIRA, CERCEDA, CERDIDO, COIRÓS, CORCUBIÓN, CULLEREDO, FENE, FISTERRA, LAXE, LOUSAME, MOECHE, NARÓN, NOIA, OUTES, OZA-CESURAS, PADERNE, PONTEDEUME, PORTO DO SON, RIANXO, ROIS, SAN SADURNIÑO, SOBRADO, TEO, TOQUES, TORDOIA, TRAZO, VAL DO DUBRA, VILARMAIOR e VIMIANZO.
A Deputación da Coruña aposta, desde hai anos, por visibilizar a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.
Co fin de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais, este ano lánzase a campaña "LIBERDADE DE SER E SENTIR!". A imaxe escollida para esta edición está baseada nunha estética graffiti como elemento reivindicativo por excelencia, sinónimo de liberdade e libre pensamento, conceptos moi vinculados coa Campaña. O lema "liberdade de ser e sentir!" quere ser un berro para reivindicar o dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas.
Para darlle difusión á Campaña, realizaranse diferentes accións:
- Produciuse o seguinte material promocional: 1.500 carteis, 1.500 adhesivos, 1.500 bolsas, 1.500 camisetas, 1.500 dípticos e 1.000 chapas. Todo este material repartirase polos concellos que participan na campaña para darlle unha maior visibilidade á mesma.
- Colocáronse bandeirolas en diferentes edificios da Deputación coas cores do arco da vella, que permanecerán colgadas ata despois do propio día conmemorativo.
- Púxose en marcha da plataforma seresentir.gal. A mesma conta cunha parte de información pública onde existen diferentes contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual e unha área privada para que os concellos poidan descargar os deseños da gráfica e realizar material promocional adicional ao entregado pola Deputación.
- Realizaranse actividades e un concerto na Coruña: o 26 de xuño desenvolveranse 2 performances a cargo de Somos Lag. A primeira delas realizarase ás 18.00 horas fronte ao antigo Cine París e a segunda será as 19:00 horas nos xardíns existentes fronte a Autoridade Portuaria. Por outra banda, o 27 de xuño ás 20:00 horas haberá un concerto do grupo The Tetas' Van no Hall do Teatro Colón.
- Desenvolverase un plan de comunicación, tanto online coma offline, durante todo este mes de xuño, onde se farán anuncios en prensa escrita e dixital e se compartiran contidos a través das redes sociais.
- Por último, tamén se realizou un spot promocional para difundir a través da redes, da web e proxectar nos concellos participantes.
Todas estas accións están dirixidas a xerar na sociedade, especialmente na mocidade, valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, apoiando a diversidade e a liberación sexual e dignificando á comunidade LGTBQI+.