Faladoiros saúde mental e xénero. As Discordantes
As discordantes pretende abrir un espazo de debate e reflexión arredor do xénero e a saúde mental coa xornalista Cláudia Morán, a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro e a escritora Antía Yáñez.
Os faladoiros sobre xénero e saúde mental As discordantes botan a andar en Betanzos este vindeiro 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, no Salón Azul do edificio O Liceo de 17:30 a 19:30 horas.
As discordantes configúrase como un espazo de debate e reflexión arredor da saúde mental e o xénero para achegar estes temas á cidadanía. As representacións que destes temas se fan no ámbito cultural non axudan á hora de amosar as realidades que hai detrás dun diagnóstico de patoloxía mental, máis se se é muller. O obxectivo dos faladoiros é ofrecer un ámbito de información e escoita activa aos é ás asistentes, sen caer nos maniqueísmos nin na estigmatización.
Coordinados por Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa, onde aborda a saúde mental cun toque de humor negro, as relatoras ofrecerán as súas visións e experiencias no ámbito da literatura, a comunicación e a saúde. No caso de Betanzos, as profesionais que a acompañarán serán Cláudia Morán e Rosa Cerqueiro.
Cláudia Morán (A Coruña, 1990) é xornalista e ten un mestrado en Xornalismo Especializado en Relacións Internacionais. Traballou en Cope Barcelona, Radio Coruña-Cadena Ser, a delegación da Axencia Efe en Bruxelas e La Voz de Galicia. Foi coordinadora da Revista Luzes, onde forma parte do comité de redacción. Actualmente colabora en distintos medios e escribe unha columna semanal no xornal Nós Diario. O seu traballo xornalístico pon o foco na temática social, cultural e de xénero. É integrante de Xornalistas Galegas, plataforma en defensa dun xornalismo con perspectiva feminista.
Rosa Cerqueiro (Marín, 1973) é psicóloga clínica no Servizo Galego de Saúde e na actualidade exerce no Hospital Psiquiátrico de Conxo de Santiago de Compostela). É membro da coordinadora do Movemento Galego de Saúde Mental desde os seus inicios en 2014, unha plataforma cidadá en defensa dos dereitos das persoas con diagnóstico psiquiátrico. Tamén participa en labores de divulgación en saúde mental en diversos foros e medios de comunicación, e colabora mensualmente co xornal Nós Diario con artigos de análise.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, pero na actualidade dedícase á escrita e a actividades de dinamización da lectura para todas as idades. As súas obras mereceron galardóns como o Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade ou o Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. Forma parte do comité de redacción da revista Luzes e cos seus traballos xornalísticos gañou o premio As mulleres que opinan son perigosas, entre outros.
As discordantes, percorrerá sete vilas da provincia entre finais do 2024 e comezos de 2025.
Próximas datas
VIMIANZO: 18 de novembro ás 17 horas na sala de conferencias da casa da Cultura: contaremos con Rosa Cerqueiro e Ana G. Liste.
ARZÚA: sábado 30 novembro 10:30h, contaremos con Rosa Cerqueiro e Cláudia Morán.
ORDES: 18 febreiro, contaremos con Iria Veiga e Ana G. Liste. Terá lugar no Museo do Traxe Juanjo Linares (Rúa da Feira, 5, Ordes) de 5 a 7 da tarde.
A POBRA: pendente concretar a data.
ZAS: pendente concretar a data.
BRIÓN: mércores 10 de marzo no Centro Social Polivalente de Brión ás 17 a 19 horas, contaremos con Iria Veiga e Carmen Costa.