Estás en:Servizos Sociais Igualdade de xénero Proxectos III Congreso Memoria Diversa

III Congreso Memoria Diversa

post_MEMORIA_DIVERSA_IG-1.png

O Sexilio será o tema principal de debate e reflexión do III Congreso A Memoria Diversa, organizado desde Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña, dentro do programa "Liberdade de ser e de sentir" que este ano se celebrará os días 31 de maio e 1 de xuño no espazo de intervención cultural A Normal, da Universidade da Coruña. A entrada será libre e de balde ata completar cabida.

O Congreso será inaugurado pola deputada delegada en lingua, igualdade e dereitos civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas e a vicerreitora de igualdade e diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar. Intervirá, así mesmo, o comisario de Memoria Diversa Marcos López.

A primeira intervención xirará arredor do sexilio de Elisa e Marcela, da man de Ailén Kendelman, actriz, creadora e cofundadora da compañía teatral A Panadaría, que durante seis anos representou "Elisa e Marcela" en 280 funcións por toda a península. Gena Baamonde, directora escénica e investigadora, foi a directora e cocreadora da obra que popularizou a historia do primeiro matrimonio de mulleres na España de 1901, e que foi un dos maiores fitos do teatro galego, con máis dunha ducia de premios acadados, entre o que están o Premio del Público 34 Mostra Int. de Teatro de Ribadavia, o XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS, o Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Texto Orixinal e Mellor Actriz Protagonista (Areta Bolado) nos Premios María Casares 2018 o I Concurso de Ideas "Luísa Villalta" de proxectos culturais pola igualdade. Presentará a actividade Sandra López en representación de Les Coruña.

A segunda intervención da tarde versará arredor da poesía do sexilio e da figura de Eduardo Blanco Amor, que iniciará Antón Lopo, xornalista, poeta e editor. No seu proxecto editorial "Chan da Pólvora" coordina a colección "Rabo de Egua", a única especializada en poesía LGBTIQA+ do estado español na que están obras coma Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Querido Eduardo, a recompilación das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Eduardo Blanco Amor entre 1931 e 1946. Tamén falará de Eduardo Blanco Amor e a disidencia sexual o músico, escritor e activista Éric Dopazo, autor da biografía de Blanco Amor para crianzas na colección "Miudiños" de Cumio editora e creador da canción "Eduardita". Presentará a mesa a xornalista e escritora Eva, autora do libro de entrevistas Memoria Diversa, da Deputación da Coruña, premio Follas Novas á mellor obra de divulgación. As intervencións do venres rematarán coa proxección da creación audiovisual "Eduardita", creación de Piratas sen Parche.

A xornada do sábado afondará sobre os sexilios a través do tempo e dos espazos, con tres intervencións que serán moderadas por Xandre Garrido, representante da asociación Avante LGBT+. A primeira vén da man do investigador e antropólogo catalán Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, docente da Universitat de Barcelona e creador de, entre outras, as obras referentes en estudos LGBTIQA+: "Bifobia. Etnografía de la bisexualidad en el activismo LGBT" (Egales 2017) e "Tu a Soria, yo a Barcelona" (Egales 2023), o primeiro traballo de divulgación do estado sobre Primer o sexilio, as dificultades da comunidade queer no mundo rural fronte das grandes cidades. Elpidio Domínguez afondará sobre o concepto de sexilio desde a perspectiva da metronormatividade. Pola súa banda, a investigadora posdoutoral (USC) Daniela Ferrández tratará o exilio de mulleres trans e lésbicas do primeiro terzo do século XX, personalizado no caso de Teresita. Daniela Ferrández é a autora do libro "A defunción dos sexos, disidencias sexuais na Galiza contemporánea" (Xerais 2021), obra galardoada co Premio Follas Novas á mellor obra de investigación.
A actualidade do sexilio será tratada polo refuxiado político ruso e activista LGBT Roman Efrenov, que nos achegará a situación actual do colectivo en Rusia e a súa experiencia persoal como refuxiado en Galiza.

Fefa Vila, socióloga e escritora, nacida en Laza e residente en Madrid, foi unha das principais responsables da creación do grupo lésbico LSD, un referente dentro dos colectivos LGBT do estado español nos anos 90. Deste grupo e da súa experiencia vital e de investigación no ámbito queer falará na súa intervención "Inadaptacións: desvíos, extravíos, fugas e reencontros. Autobiografía dunha paxara", presentada pola música e poeta Lucía Aldao.

A xornada da tarde do sábado comezará co xornalista e escritor madrileño Bob Pop, autor do libro Mansos (Alfaguara, 2021) e da serie audiovisual "Maricón perdido", Premio Ondas 2021 á mellor serie de comedia. As dúas creacións tratan, entre outros temas, do sexilio do rural cara ás cidades das persoas disidentes sexuais nos anos 70 e 80 do século pasado. Presenta a intervención Óscar Rodríguez da asociación ALAS A Coruña.

A última mesa do Congreso virá de parte do Ares Piñeiro, activista trans vasco, descendente de familia galega emigrada a Euskadi, sexólogo e secretario de Errespetuz, asociación vasca para a defensa e a integración das persoas transexuais. Ares Piñeiro falará da ausencia de relatos memorialísticos dos homes trans no estado español, así coma da súa propia vivencia persoal. Pola súa parte, o escritore e divulgadore Nee Barros falará da presenza (e ausencia) de relatos trans na literatura galega. Presentará a mesa Max Suárez, en representación da asociación Arelas.

A música tradicional revisitada con perspectiva queer será a encargada de poñer punto e final ao encontro, co concerto "Loita amada" de Marcelo Dobode e Víctor Movilla.

post_MEMORIA_DIVERSA_IG-2.png