O lavadoiro

O Lavadorio-Cartel A3.jpg

O Lavadoiro é unha aposta pola creación dunha rede veciñal contra as violencias machistas.

Unha proposta pilotaxe de intervención integral en materia de violencia machista que se desenvolve en Moeche e San Sadurniño.

A súa finalidade é tecer unha rede municipal de sororidade que dea apoio ás mulleres en situación de violencia machista e sexa unha alternativa que poña a vida e os coidados no centro.

Obxectivo xeral


Crear unha rede comunitaria provincial contra a violencia machista e de apoio ás mulleres que a sofren de forma directa.


Obxectivos específicos


1. Identificar axentes chave no marco de entidades locais e ofrecer formación para o apoio nos labores de detección, información, orientación e acompañamento a mulleres en situación de violencia machista.
2. Crear un grupo de facilitadoras comunitarias para o apoio e acompañamento de mulleres en situación de violencia machista.
3. Ofrecer un espazo formativo dirixido ao persoal dos servizos sociais comunitarios e especializados en materia de prevención e atención integral ante situacións de violencia machista.
4. Garantir o apoio psicosocial para mulleres vítimas de violencia machista de forma individual e a través da creación de grupos de axuda mutua.
5. Dinamizar un grupo de homes interesados en reflexionar e profundar nas masculinidades non hexemónicas.

Descrición das actividades a realizar

Plan Operativo

Partiremos dunha metodoloxía activa, centrada nas persoas e adaptada ao contexto. A investigación acción será a ferramenta de traballo para pilotar esta proposta.

O proceso de traballo queda recollido nas seguintes fases:
▪ Fase 1
Inclúe a difusión e presentación do programa, a xestión cos concellos participantes e a localización de axentes chave no territorio
▪ Fase 2
Inclúe a e xecución de accións de sensibilización, formación e prevención no territorio, elaboración dunha memoria e u n informe final de resultados, onde se estude o impacto e transferibilidade da iniciativa noutros territorios.

Dende este proxecto vanse poñer en marcha tres grupos veciñais.

O primeiro deles será o formado por mulleres "facilitadoras" que sexan capaces de detectar posibles casos de violencia machista. Para conseguilo traballaranse arredor de técnicas de grupo para consolidar unha rede de mulleres que conte coa formación e información necesaria sobre os recursos dispoñibles, co obxectivo de que saiban como acompañar a mulleres en situación de violencia machista no seu proceso.

O segundo grupo veciñal é o formado por homes "aliados" que axuden a desterrar o machismo e a violencia da sociedade. O obxectivo é conseguir un grupo de homes comprometidos cunha masculinidade non hexemónica e que cumpran a función de promotores e dinamizadores sociais dunha "maneira de ser home" onde o normal sexa a corresponsabilidade no fogar, o respecto e o rexeitamento activo do machismo e de calquera tipo de violencia de xénero.

O terceiro grupo é formado por axentes institucionais municipais e doutras administracións que teñen peso no territorio. Este grupo terá formación para saber como actuar de forma coordinada no caso de estar a traballar cunha muller en situación de violencia machista.

Para formar parte do Lavadoiro podedes cubrir este formulario en liña no caso das mulleres facilitadoras de San Sadurniño e as de Moeche e nestoutra ficha no caso dos homes que queiran integrarse no grupo de aliados. O prazo remata o próximo 8 de abril.


Fai clic aquí para saber máis sobre O Lavadoiro

Presentación O Lavadoiro_1.jpg