Unha rúa, unha vida
Unha rúa, unha vida
Baixo o título definitivo Ruando, levouse a cabo un proxecto cultural en colaboración co Concello de Muros co obxecto de visibilizar o papel fundamental das mulleres que, a través de diversas profesións e oficios, contribuíron ao desenvolvemento económico e social da vila.
Ruando propón un percorrido polas rúas de Muros desde unha perspectiva innovadora, onde cada espazo cobra vida grazas ás historias e testemuños das mulleres que durante xeracións foron o motor da comunidade. Desde costureiras e leiteiras ata mariscadoras e conserveiras, esta mostra reivindica o seu traballo, moitas veces invisibilizado, e crea un mapa emocional que permite conectar co pasado a través da memoria feminina.
O acto inaugural terá lugar o venres 18 de outubro ás 12:00h na Praza do Concello de Muros. En caso de chuvia, trasladarase ao Salón de Plenos da Casa do Concello.
Este evento contará coa presenza de María Lago Lestón, alcaldesa de Muros; Soledad Agra Tuñas, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña; Carlos Montilla, director de i-Radia Crea e responsable do proxecto; e unha representante do grupo de mulleres que participa na exposición.
O peche do acto estará a cargo de Soledad Agra Tuñas, quen destacará a importancia de proxectos como Ruando para recuperar e poñer en valor o legado cultural e colectivo das mulleres.
Un percorrido que reconstrúe a memoria local
Ao longo das semanas, Ruando transformará a experiencia diaria dos/as habitantes e visitantes de Muros, convidándoos a redescubrir os espazos da vila a través do prisma das vivencias femininas. No marco do proxecto creouse unha exposición efémera como recoñecemento ao pasado, senón tamén un xeito de estimular o diálogo interxeracional e de subliñar a importancia das contribucións das mulleres no presente.