Servizos Sociais Municipais
O Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2018 convócase ao abeiro do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e que no seu art. 31, establece que as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios e o Decreto 148/2014 polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.
Neste ano realizaranse as seguintes modificacións:
- Contías. Normalízanse os importes dos módulos para cada unha das seguintes categorías de persoal adscrito aos servizos sociais: persoal administrativo grupo C1 ou C2 (módulo I), persoal técnico A2 (módulo II) e persoal técnico A1 (módulo III). Os novos importes dos módulos recóllense na base 4.
- Xornada dos módulos I, II e III. A normalización do módulo supón que calquera concello que tivera concedida media xornada poderá solicitar a xornada completa de calquera persoal.
- Persoal administrativo. Todos os concellos poderán solicitar este módulo.
- Persoal técnico. Os concellos que non teñen asignado ningún dos dous módulos II e III no cadro incluído na base 12, poderán solicitar a ampliación de financiamento para un destes dous módulos a xornada completa ou media xornada. Non obstante, estas solicitudes só poderán ser atendidas cando o importe total das desistencias totais e parciais de financiamento que se derive das solicitudes presentadas supoña a existencia de crédito suficiente e se reúnan os requisitos recollidos nas bases.
- Persoal auxiliar SAF libre concorrencia. O módulo do persoal auxiliar SAF libre concorrencia (módulo IV) calcularase en función das horas prestadas polos concellos, establecéndose unha achega provincial por hora. O importe máximo do módulo IV para cada concello calcúlase con base nas horas prestadas no último exercicio completamente xustificado (exercicio 2016).
O programa financiarase en 2019, con cargo ao crédito disposto na partida 0611/231.21/46201 do Orzamento desta Deputación.
Polo que se refire ao tipo de tramitación, o programa tramitarase de xeito telemático a través da plataforma electrónica de tramitación de subvencións SUBTEL, á que se pode acceder a través da Sede Electrónica da Deputación da Coruña. A tramitación telemática aplicarase a todas as fases do procedemento.
De acordo co disposto no artigo 31.3 do citado Decreto 99/2012 do 16 marzo, este programa vai dirixido ao financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais, polo que as entidades destinatarias das achegas son os Concellos e Corporacións locais con menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña,comprendendo os supostos nos que os servizos sexan prestados por xestión directa ou, se é o caso, por xestión indirecta mediante contrato ou encomenda da xestión.
As mancomunidades intermunicipais, agrupacións ou fusións que constitúen entidades instrumentais dos concellos e que exercen as competencias delegadas por aqueles poderán ser destinatarias sempre que a poboación do conxunto de concellos non supere os 20.000 habitantes.
Mapa de entidades beneficiarias
A Deputación Provincial subvencionará os gastos dos profesionais dos servizos sociais comunitarios distintos do perfil profesional do/a traballador/a social conforme aos módulos seguintes no que se encadra o persoal correspondente: módulos do persoal administrativo, persoal técnico de grado medio, persoal técnico de grado superior e do persoal so servizo de axuda a domicilio básico .
- Módulo I. Persoal administrativo grupo C1 ou C2: 18.000 €
- Módulo II. Persoal técnico A2: 22.000 €
- Módulo III. Persoal técnico A1: 26.000 €
- Módulo IV: Servizo de axuda no fogar (libre concurrencia): 12 €/hora
Pode consultar as Bases reguladoras do Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2020 no BOP