Edición 2024

#HoxeEscriboEn 2024: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

RESOLUCIÓN DO CONCURSO

ACTA DA REUNIÓN DO XURADO DA 12ª EDICIÓN DO CONCURSO DE RELATOS #HOXEESCRIBOEN "Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña"

Reunido no Pazo Provincial ás 13:00 horas do día 13 de novembro de 2024 o xurado do Concurso convocado pola Biblioteca Provincial en colaboración coa sección de Promoción e Desenvolvemento Turístico da Deputación.

Preside a reunión por delegación do Presidente, Xosé Regueira Varela, vicepresidente da Deputación, e asisten os vogais Maite Loureiro, xefa de Sección de Promoción e Desenvolvemento Turístico, Paula Cabado Brea técnica de Turismo e Patricia Cernadas Novo especialista en literatura. Actúa como secretaria, por delegación do secretario xeral, María Lema Santabaya, técnica da Biblioteca Provincial.

A secretaria informa que se presentaron 126 microrrelatos correspondentes a 45 concellos da provincia da Coruña. Os membros do xurado proceden á análise das obras presentadas. Realízase unha rolda de lectura e selecciónanse os traballos finalistas, que segundo o criterio do xurado son os seguintes:

  • PRIMEIRO PREMIO: Relato Nº 103 Título: Ecoglita, a rocha ventureira, do que é autora Mónica Rodríguez Romero, referido ao Concello de Cariño
  • SEGUNDO PREMIO: Nº110 Título: Amar ata esmorecer, do que é autora María Arcos Cebreiro, referido ao Concello de Rianxo.
  • TERCEIRO PREMIO: Nº 72 Título: Radio Fin Da Terra da que é autora Alba Sánchez Ares, referido ao Concello de Fisterra.

O xurado elixiu as obras por axustarse ás bases e ao obxecto do concurso, destacando os seguintes aspectos:

Ecoglita, a rocha ventureira, pola súa orixinalidade a calidade literaria; a posta en valor do patrimonio natural no Xeoparque Cabo Ortegal e a historia sobre o patrimonio. O microrrelato destaca polo seu estilo fluído e creatividade.

En Amar ata esmorecer, destacamos a figura de Rafael Dieste e Castelao, dúas figuras imprescindibles da nosa literatura e por ser un microrrelato narrado baixo unha perspectiva de voz feminina, cunha gran calidade literaria onde se reflicte o patrimonio cultural e a historia local de Rianxo.

Radio Fin Da Terra, por ser un microrrelato escrito con ironía e humor ambientado en Fisterra. Un traballo da fin da terra orixinal e cunha adaptación da historia local con toque de humor.

Por último, o xurado destaca a alta participación no concurso con traballos de calidade e acordes á temática e o aumento no número de concellos participantes, nesta ocasión máis da metade dos concellos da provincia da Coruña.

A Coruña, 13 de novembro de 2024.

RELATOS GAÑADORES DO CONCURSO

PRIMEIRO PREMIO:
Relato Nº 103. Título: Ecoglita, a rocha ventureira, de Mónica Rodríguez Romero (Cariño)

SEGUNDO PREMIO:
Relato Nº110. Título: Amar ata esmorecer, de María Arcos Cebreiro (Rianxo)

TERCEIRO PREMIO:
Relato Nº 72 Título: Radio Fin Da Terra, de Alba Sánchez Ares (Fisterra)

SORTEO DE 30 LOTES de produtos gastronómicos

O xurado propón que, dada a calidade xeral dos traballos presentados, se sorteen 30 lotes de produtos gastronómicos da provincia entre os traballos máis valorados polo xurado.

En canto teñamos máis información completarase aquí.

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS

O acto de entrega de premios será o día 29 de novembro ás 18:15 h na Biblioteca Provincial (Rúa Rego de Auga 37, 15001 A Coruña).

Estará presidido polo Deputado da Área de Turismo, Xosé Regueira Varela, pola Deputada da Área de Cultura, Natividad de Xesús González Rodríguez, e pola Directora da Biblioteca, Carmen Ferreiro.

Acto aberto ao público.

---

Bases HoxeEscriboEn 2024

Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

1. Primeira. – Obxecto

O obxecto do concurso é o fomento do talento creativo, a animación á escritura e á lectura, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña, axudando a sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un, e a importancia de preservalo. Para isto a Biblioteca Provincial xunto coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña convocan un concurso de microrrelatos sobre o patrimonio dos concellos da Provincia.

2. Segunda. – Participantes
Poderán participar tódalas persoas físicas, maiores de idade, usuarios ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, de xeito libre. Quedan excluídas todas aquelas persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca Provincial e coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña.

3. Terceira. – Formato
Os microrrelatos presentados ambientaranse ou farán referencia a algún dos concellos da Provincia da Coruña, non sendo preciso que o autor resida nel. Poderán estar relacionados coa historia local, lendas propias, tradicións do pobo, persoas destacadas, valores positivos do concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental do seu territorio, ou calquera outro aspecto que axude a resaltar o patrimonio do concello.

Deberán estar escritos en galego ou castelán, ser inéditos e non ter sido presentados en ningún outro concurso.

O texto terá unha extensión máxima de 500 palabras.

4. Cuarta. – Forma de presentación
A presentación dos relatos farase a través do formulario habilitado na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.
O formulario atópase na web da biblioteca https//www.dacoruna.gal/biblioteca seguindo a ruta: Actividades > Concursos > Concurso #HoxeEscriboEn > Edición 2024
Tamén podes acceder premendo na seguinte ligazón:

https://forms.gle/R8fcFbbn6VUaowWBA

Formulario ENVIAR O MICRORRELATO HOXEESCRIBOEN 


Cada participante deberá realizar unha inscrición indicando o seu nome e apelidos, concello da provincia desde o que participa e no que se ambienta o relato, teléfono de contacto e enderezo postal.
O microrrelato axuntarase á inscrición como un arquivo de texto en calquera dos seguintes formatos: .doc, .docx ou .odt.

Cada persoa poderá participar cantas veces queira, cumplimentando un formulario por cada unha das participacións.
Para solventar dúbidas do concurso, podes contactar enviando un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981080176.


5. Quinta. - Prazo de presentación

O prazo de presentación do/s microrrelatos é do 1 de xullo de 2024 ao 31 de agosto de 2024, ámbolos dous incluídos. 

6. Sexta. – Xurado

Os microrrelatos serán valorados por un xurado especializado, e a súa decisión será inapelable. A valoración basearase en criterios de orixinalidade, calidade na redacción, calidade lingüística e aproximación á temática proposta nas bases Primeira e Terceira.


7. Sétima. –Premio
O primeiro premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo e cea incluídos, nun establecemento tipo cabanas rurais da provincia da Coruña.
O segundo premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo incluído, nun establecemento rural da provincia da Coruña.
O terceiro premio consistirá nunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña.
Amáis, entre os participantes, sortearanse varios lotes de produtos da provincia.
As persoas que resulten galardoadas recibirán a comunicación por teléfono ou correo electrónico e publicaranse nas redes sociais e web da biblioteca.
As datas de desfrute dos premios serán concretadas coas persoas gañadora, unha vez resolto o concurso.


8.   Oitava. –Entrega do premio
A entrega dos premios terá lugar nun acto público que se realizará na Biblioteca provincial da Deputación da Coruña. Salvo por razóns de forza maior, as persoas gañadoras deberán estar presente no acto de entrega do premio.
Os lotes de produtos da provincia, que se sortearán entre as persoas participantes, serán enviados por correo postal ao enderezo sinalado polos participantes na incripción, tal e como se especifica na base cuarta.
9.   Novena. – Dereitos e deberes
A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar os microrrelatos, xunto co nome e apelidos das persoas participantes, nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Sección de Turismo da Deputación da Coruña, a Biblioteca, e a Deputación da Coruña; incluídas as redes sociais e a plataforma de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.
Os microrrelatos presentados ao concurso de xeito incompleto ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aqueles de contido inadecuado, serán excluídos.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e que as persoas participantes se fan responsables da autoría e contido dos relatos, que non vulnerarán os dereitos á honra, á intimidade persoal/familiar e á propia imaxe de terceiras.

Bases

Cartelería

cartel.PNG