A Deputación organiza a primeira exposición restrospectiva sobre a obra de Xosé Vizoso
O Forno do Forte de Buño acolle o vindeiro mércores, ás 12h, a apertura da primeira exposición que homenaxea a traxectoria dunha figura fundamental no eido da cerámica, a ilustración, o deseño, e o cartelismo, e estreitamente ligada a Sargadelos e Edicións do Castro
A mostra restrospectiva sobre Xosé Vizoso abre a nova xeira de actividades do Forno do Forte, tras a recente remodelación das salas que se dedicarán a exposicións temporais e que estarán especificamente enfocadas á posta en valor da cerámica e a olaría a nivel galego
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, encabezará a apertura da exposición sobre a traxectoria de Xosé Vizoso, que terá lugar o mércores 23 de marzo, ás 12h, no Forno do Forte de Buño. Trátase, dunha banda, da primeira exposición retrospectiva ao redor da obra de Vizoso e, doutra, da primeira das actividades que acolle o Forno do Forte desde a recente remodelación para adaptar dúas salas a actividades temporais.
"Desde inicio de mandato traballamos coa mirada posta en converter o Forno do Forte no Museo da Olaría e en transformalo no centro cultural que lle corresponde, situando Buño como lugar de referencia dunha das tradicións oleiras máis senlleiras do noso país" asegura Xosé Lois Penas. O deputado fai especial fincapé en que a elección de Xosé Vizoso para abrir a nova xeira de actividades do Forno do Forte "encaixa precisamente nesta filosofía de posta en valor da tradición e da riqueza que a olaría supón no noso acervo cultural".
Esta mostra está comisariada por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, quen indica que "para nós era xa unha obriga organizar esta exposición sobre Xosė Vizoso co obxectivo de divulgar o seu silandeiro traballo con Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, e facelo nun lugar coma Buño, coma un primeiro paso para reivindicar a obra multidisciplinar dun artista imprescindible no eido do deseño e da arte contemporánea de Galiza". Álvarez destaca ademais "que a mostra está moi pensada para o espazo concreto do Forno do Forte" e adianta que o día da inauguración se vai presentar un vello proxecto que o artista tiña con Isaac Díaz Pardo, e que consiste na edición dun cartafol do ano 1979, composto por 20 debuxos ao redor do oficio e do proceso do traballo do oleiro.
A exposición está composta por seis pinturas de gran formato da serie de Xosé Vizoso sobre os entroidos, de 20 debuxos sobre a olaría de Galiza, de varias pezas de cerámica representativas da sua carreira en Sargadelos e dunha vintena de libros que son unha pequena mostra das 300 portadas e ilustracións que fixo para Edicións do Castro. Tamén se inclúen imaxes do Mural do Furriolo e material audiovisual de diversas facetas do seu traballo creativo. A exposición conta cunha banda sonora orixinal de Moisés Quintas, creada especificamente para facer a experiencia desta primeira retrospectiva de Vizoso máis completa e sensorial.
Convén lembrar que Xosé Vizoso ten unha longa traxectoria como ilustrador, deseñador, ceramista, escultor, escenógrafo, cartelista, muralista, pintor e caricaturista, sempre a carón de Isaac Díaz Pardo, no departamento de deseño de Sargadelos.