Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Mes Europeo da Diversidade cunha xornada de diálogo intercultural na escola

• O encontro 'Construíndo Pontes entre Camariñas e Ourense' reúne a mozos e mozas de dous centros educativos con taxas moi diferentes de alumnado foráneo para traballar xuntos sobre a inclusión e a integración no ámbito escolar
• A actividade terá lugar o día 29 de abril en Ourense entre os centros IESP Pedra da Aguia e o colexio Padre Feijóo-Zorelle

EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Mes Europeo da Diversidade cunha xornada de diálogo intercultural na escola

EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Mes Europeo da Diversidade cunha xornada intercultural arredor da diversidade de orixes e de culturas. A actividade Construíndo Pontes levarase a cabo con estudantado de dúas escolas implicadas na difusión dos valores europeos como son o IESP Pedra da Aguia (Camariñas) e o colexio Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e que presentan taxas moi diferentes de alumnado foráneo: mentres que no centro ourensán se rexistra o 70% no coruñés esta taxa é dun 3%.

Con este escenario, alumnado de 4º da ESO dos dous centros educativos compartirán unha xornada de actividades e convivencia en Ourense na que reflexionarán e debaterán sobre diversidade e integración cultural e coñecerán da man dos alumnos e alumnas como funcionan os centros. Tamén abordarán as políticas europeas de diversidade e inclusión e celebrarán un espazo participativo no que extraerán as conclusións da xornada.

O encontro Construíndo Pontes entre Camariñas e Ourense terá lugar o xoves 29 de abril e atópase entre as actividades previstas neste Mes Europeo da Diversidade. Os obxectivos da xornada son promover a inclusión e integración a través dunha xornada inmersiva de diálogo intercultural e sensibilizar aos mozos e mozas sobre a diversidade cultural e os riscos da discriminación. Ademais, busca contribuír á transferencia de boas prácticas na educación para crear espazos igualitarios e integradores dentro do sistema educativo.

Para máis información sobre a evento pódese contactar con EUROPE DIRECT A Coruña a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal ou consultar a web:

https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/construyendo-puentes-entre-camarinas-y-ourense-accion-promovida-por-europe-direct-coruna-en-el-marco-del-mes-europeo-de-la-diver/