EUROPE DIRECT A Coruña celebra un debate nacional sobre diversidade na UE para impulsar a participación da mocidade na Conferencia sobre o Futuro de Europa
O evento Europa unida na diversidade contará con María Andrés, directora da Oficina do Parlamento Europeo en España, que intervirá neste acto en liña o vindeiro 3 de marzo
O centro participa nesta iniciativa xunto a outros catro Europe Direct de España co obxectivo de fomentar a voz da mocidade no debate
O centro EUROPE DIRECT A Coruña celebra o vindeiro 3 de marzo o diálogo nacional da iniciativa Europa unida na diversidade, na que mocidade de diferentes puntos de España poñerán en común as súas ideas sobre como a Unión Europea debe abordar distintas diversidades nas vindeiras décadas. Representantes dos cinco grupos que participaron nos debates locais celebrados ao longo do mes de febreiro manterán un diálogo aberto coa directora da Oficina do Parlamento Europeo en España, María Andrés, para facerlle chegar de maneira directa as súas propostas.
Europa unida na diversidade é unha actividade que se enmarca no proceso de participación cidadá aberto polas institucións europeas, a Conferencia sobre o futuro de Europa. Nela, EUROPE DIRECT A Coruña colabora con outros catro centros desta rede de información oficial da Comisión Europea.
O centro EUROPE DIRECT da Deputación da Coruña celebrou o pasado 3 de febreiro a súa fase local cun debate sobre a diversidade de orixes en Europa no que participaron tres centros educativos galegos: IESP Pedra da Aguia (Camariñas), colexio Vivas (Vigo) e colexio Padre Feijóo-Zorelle (Ourense). Esta sesión estivo precedida dun traballo na aula no que o alumnado participante abordou a diversidade de orixes na Unión Europea a través da reflexión sobre a integración na comunidade local de persoas doutros países da UE, de persoas que buscan asilo ou residencia, a educación sobre a integración e o papel dos medios de comunicación no proceso de integración de persoas de diversas orixes.
Froito desta xornada, os centros seleccionaron as tres mellores propostas, que o alumnado galego defenderá na fase nacional de Europa unida na diversidade.
No debate desta segunda fase da iniciativa, que se celebra o 3 de marzo, os e as participantes dos centros educativos de Galicia terán a oportunidade de intercambiar ideas cos mozos e mozas que participaron nos debates locais levados a cabo polos centros Europe Direct de Castellón, Ciudad Real, Donosti e Caire Maestrazgo e que tratan sobre a diversidade afectivo-sexual, de xénero, cultural e funcional.
A actividade rematará coa elaboración do manifesto Europa unida na diversidade que conterá as 15 propostas recollidas polos centros e será trasladado ás institucións europeas en España no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa.
Para máis información sobre a iniciativa, pódese consultar a web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/europa-unida-en-la-diversidad-dialogos-ciudadanos-en-el-marco-de-la-conferencia-sobre-el-futuro-de-europa/ ou contactar con EUROPE DIRECT A Coruña a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal