Formoso e o embaixador de Panamá en España apostan por estreitar as relacións entre Galicia e o país centroamericano
O presidente e o embaixador reuníronse hoxe na Deputación e destacaron os vínculos históricos e económicos que unen a Galicia e Panamá
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe no seu despacho co embaixador de Panamá en España, Allen Sellers Lara, e co cónsul xeral deste país na Coruña, Aaron Medina.
A visita enmárcase na rolda de contactos institucionais do novo máximo representante da diplomacia panameña en España, tras a súa recente toma de posesión a principios deste verán.
Formoso e Sellers coincidiron en subliñar a importancia de manter e estreitar as relacións bilaterais, tanto históricas coma económicas e comerciais, que unen a Galicia co país centroamericano, ao que máis de 300 empresas galegas exportan cada ano os seus produtos.
No encontro, o presidente provincial e o embaixador abordaron a relación histórica que conecta a Galicia con Panamá, onde miles de galegos participaron na construción do canal, así como a importancia das relacións comerciais entre ambos países, que contan con situacións xeográficas estratéxicas, no caso de Galicia como porta de Europa ao Atlántico e no caso panameño como punto de conexión entre América do Norte e Sudamérica, o que o converte nun punto clave do comercio intercontinental.