Estás en:Novas

A área de Igualdade entrega os premios ás gañadoras do XIII Concurso de Viñetas

María Muíño, que fixo entrega de material educativo e electrónico, animou as gañadoras a "facer uso do don da creatividade para difundir valores de igualdade, xustiza social e promover o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria"

A área de Igualdade entrega os premios ás gañadoras do XIII Concurso de Viñetas

A deputada de Igualdade, María Muíño, vén de facer entrega dos premios do XIII Concurso de Viñetas para alumnado de secundaria convocado pola Deputación da Coruña. O acto, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, reuniu á gañadora do primeiro premio da categoría A, Vega Menéndez, de 13 anos e residente en Culleredo; á do segundo premio Inés Grau, tamén de 13 anos e residente na Coruña, e á do terceiro, Ainara Soto, de 12 anos e residente na Coruña. Non estivo presente a gañadora da categoría B, Laura Mayo, de 17 anos, residente en Valladolid.

María Muíño, que fixo entrega de material educativo e electrónico, animou as gañadoras a "facer uso do don da creatividade para difundir valores de igualdade, xustiza social e promover o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria, co desexo de que no transcurso da vosa vida adulta chegue un momento no que poidades dicir que xa non existe o efecto Matilda". Convén lembrar que, precisamente nesta edición, o Concurso de Viñetas da Deputación tivo como tema central o 'efecto Matilda' co obxecto de promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao efecto Matilda, termo empregado por primeira vez pola sufraxista e abolicionista Matilda Joslyn Gage para describir o prexuízo en contra de recoñecer os logros das mulleres científicas, cuxo traballo a miúdo se atribúe a colegas masculinos.

En canto aos traballos gañadores, na categoría A, o xurado salientou da proposta presentada por Vega Menéndez "a orixinalidade das cores e da gráfica en relación a idade da autora, así como que a temática reflicte a invisibilidade das mulleres facendo referencias concretas". Do traballo de Inés Grau destacou a "claridade da narrativa gráfica, feita de xeito tradicional, ao tempo que dá resposta ao que facer cunha mensaxe final máis reivindicativa dos dereitos das mulleres". Mentres que a proposta de Ainara Soto cualificouna como "diferente e atractiva, mostra equilibrio e destaca polo grao de recursos gráficos e narrativos; a composición reflicte coñecemento do mundo do cómic e a realidade das mulleres nas súas carreiras científicas".

Da obra vencedora na categoría B, de Laura Mayo, o xurado asegurou no seu informe que "posúe unha narrativa fantástica, dentro da sinxeleza que presenta". Tamén destaca "o uso da cor e os diferentes ambientes en diferentes espazos: é unha historia profunda que conecta diferentes épocas, cuxa parte temática incide na busca de referentes".

O concurso de viñetas é unha das iniciativas que a área de Igualdade provincial ten en marcha para concienciar sobre as desigualdades que afectan a muller actual na sociedade galega. Súmase a campañas máis específicas, como a do 8M 'Mobilizadxs xti', centrada en difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.