Mila Castro destaca o potencial da economía circular como “xeradora de emprego”
A deputada participou na inauguración da Feira da Economía Circular e Boas Prácticas que Unión de Consumidores de Galicia organizou en Santiago de Compostela
A deputada Mila Castro participou na inauguración da Feira da Economía Circular e Boas Prácticas que se celebrou esta fin de semana no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela e destacou o potencial da economía circular como "xeradora de emprego".
Este evento, organizado por Unión de Consumidores de Galicia en colaboración co Concello Santiago de Compostela, reúne ata hoxe, sábado 24 de setembro, a investigadores, catedráticos e empresas no marco da economía circular.
Mila Castro falou da economía circular como "modelo de futuro pero tamén de presente porque, como podemos ver aquí, xa forma parte das nosas vidas desde hai tempo" e salientou a importancia deste tipo de feiras para "achegar a economía circular á cidadanía, explicarlle á xente a súa importancia e ensinarlle todo o que se pode conseguir aplicando estes criterios".
"O sistema lineal típico da nosa economía xa está chegando ao seu límite, se non chegou xa. Están esgotándose unha serie de recursos, isto non é unha novidade", comentou a deputada, que explicou que "a saída está na economía circular e no novo modelo de sociedade que esta propón, optimizando os materiais, a enerxía e os residuos para lograr un uso eficiente dos recursos".
Por último, na súa intervención fixo referencia ao papel das administracións "que estamos xa mans á obra, seguindo de forma coordinada a Estratexia Española de Economía Circular, que se marca unha serie de obxectivos a acadar de cara ao ano 2030 e que senta as bases para impulsar un novo modelo de produción e consumo".