Estás en:Novas

Trinta entidades medioambientais reciben o apoio da Deputación da Coruña para desenvolver proxectos e actividades

As liñas de subvención suman un investimento total de 217.334 euros

As achegas impulsarán proxectos como brigadas deseucaliptizadoras, 'Defende o mar a través do surfing', 'Microscopia micolóxica' e outras actividades de conservación de hábitats de alto valor natural e educación ambiental

O deputado de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, destacou a implicación "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030"

Trinta entidades medioambientais reciben o apoio da Deputación da Coruña para desenvolver proxectos e  actividades

A Deputación da Coruña dará apoio a 30 proxectos para o desenvolvemento de actividades e investimentos no ámbito medioambiental no 2022 con dúas liñas de axuda que contan cun investimento, en total, de 217.334,8 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a resolución definitiva destas subvencións, que van dos 1.000 aos 15.000 euros por entidade beneficiaria. A través destas achegas fináncianse proxectos como: campos de voluntariado de educación medioambiental, brigadas deseucaliptizadoras, 'Defende o mar a través do surfing', 'Microscopia micolóxica', ou custodia do territorio e educación ambiental.

Por unha banda, no apartado de investimentos, a Deputación destinou 67.795,09 euros para financiar a adquisición de aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, maquinaria, ferramentas, mobiliario ou elementos de transporte.

Pola outra banda, investíronse 149.539,71 euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos de actividades no eido medioambiental financiando distintas actividades de sensibilización ambiental, conservación de especies de flora e fauna autóctona, limpeza de espazos naturais ou conservación do medio mariño, entre outras.

O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, subliñou que "nun contexto como o actual, estas subvencións contribúen ao coidado do planeta, co fin de defender o medio ambiente e protexer e mellorar a calidade de vida das persoas". O deputado provincial destacou a implicación e compromiso "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste eido para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030".

Acceso ás resolucións definitivas publicadas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/09/26/2022_0000005925.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/09/26/2022_0000005924.pdf